Curso ZdZ’21: construción

Data
03/07/2021 _ 20:00 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: 650€

Categoría


Repetimos experiencia de luthería por segundo ano, logo do grande suceso da edicón pasada. Este é un curso intensivo de montaxe dunha zanfona a partir do espírito da NerdyGurdy de Jaap e Fay Braand evoluído pola equipa do ZdZ con simplificacións e melloras do deseño orixinal para acadar ao final do curso un instrumento acabado e funcional e os coñecementos precisos para facelo por conta propia. Todo o material e ferramentas serán fornecidas pola organización. O artesán Suso Gestal conduce este curso especial para o XVII ZdZ co apoio do músico Ariel Ninas.

Sobre o curso

Durante dous días de intenso traballo de bricolaxe organolóxico, o obxectivo será rematar o curso coa zanfona montada e funcionando cos axustes básicos así coma os consellos para a súa posta a punto. Como todos os instrumentos, o proceso de consolidación dun novo demora unhas semanas. Este traballo debe ser feito por cada unha das persoas asistentes nos días seguintes ao obradoiro para garantir o mellor resultado desde o punto de vista organolóxico e acústico.

O material estructural e resoante é madeira laminada con todas as pezas para o obradoiro xa cortadas a láser e á medida; detalles mecánicos como tempereiros, cordoeiro, veo ou cabalete móbil (can) en pezas de impresión 3D en PLA (polímero de orixe natural) ou en aceiro inoxidábel e latón de ferrallería comercial para o eixo, parafusos, rodamentos e cravixas.

A zanfona construída é un modelo básico con:

  • 2 cordas melódicas
  • 1 bordón
  • 1 trompeta (bordonciño rítmico)

Todo o material do curso será fornecido: ferramentas, madeira, pezas impresas, ferrallería comercial, colas de contacto, cordas, etc. Non se inclúen o correón, o estoxo nin obxetos de uso habitual (resina, algodón,…).

Dificultade: media. É recomendábel ter algo de maña ou experiencia previa no traballo en madeira ou montaxe de elementos mecánicos.

Detalles do curso:

  • Data: sábado 3 e doming 4 de xullo 2021
  • Lugar: Auditorio de Rianxo
  • Horario: 10-14h e 16-20h
  • Prezo: 650€
  • Prazas limitadas -4-
  • É preciso traer máscara que cubra as vías respiratorias; lavar as mans frecuentemente durante o curso; a aula onde acontece o curso será igualmente ventilada durante os descansos.
  • O prezo inclúe todas as pezas do kit e guía de montaxe.

Inscrición:

  • Enche o formulario de embaixo

Recibirás a confirmación para a túa praza e os dados de pagamento. Disponibilidade segundo a orde de recepción da inscrición.

Formulario de inscrición

 

Sobre Suso Gestal e Ariel Ninas

Suso Gestal é un xoven artesán con obradoiro situado en Abellá (Frades) desde onde desenvolve unha intensa actividade de construción de gaitas e frautas traversas. É coñecido por facer estes instrumentos mediante fabricación aditiva cunha calidade excelente e uns custos de produción moi reducidos. Enxeñeiro industrial de formación e con estudos na EMAO de Vigo con Carlos Corral. Estudou zanfona con Anxo Pintos na e-Trad e actualmente con Ariel Ninas na Asoc. Brisas do Quenllo da Pontraga (Tordoia).

Podes coñecer aquí o seu traballo.

Ariel Ninas é músico e productor en aCentral Folque. Zanfonista en proxectos coma Cantos de cego da Galiza e Portugal (aCF, 2016), “Cantos de Natal da Galiza e Portugal (aCF, 2019), Ulobit (“Vinkingland”, Audioatalaia, 2016), ou Habelas (autoedición, 2012) e ten tocado e gravado con artistas dispares coma Germán Coppini, Fred Frith, Sergio Tannus, Ultraqäns, Xoán Curiel ou Kerkennai.

Podes coñecer aquí o seu traballo.

 


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed