Davide Salvado na RMS

Data
16/01/2016 _ 21:00 h

Lugar
Auditorio da Xunqueira

Prezo: 5 €

Categoría


DavideSalvadoÁbrese a veda para a terceira edición da Rede de Músicas Soltas en Redondela cun concerto especial dun dos novos valores xa consolidados do folque galego, o cantante marinense Davide Salvado acompañado cunha banda de excepción: Santi Cribeiro ao acordeón, Pablo Dalama ao saxo e frautas e Carlos Freire á percusión. Presentará o seu último e aclamado disco Lobos, producido por Pedro Pascual.

Antes do concerto Davide estará na parroquia de Saxamonde ás 17 horas para parolar cos presentes. Será no Centro cultural Chan das Pipas.

Davide Salvado é unha das voces máis representativas da Galiza con reminiscencias do canto tradicional aderezado con outros xéneros urbanos modernos.  Formouse no daquela Conservatorio de Música Tradicional e Folque en Lalín da man de Ugia Pedreira e Guadi Galego e a partir de aí foi buscando a súa propia identidade, mamando xeitos propios das cantadoras do país, tesouro patrimonial da nosa música das que recolleu repertorios, adornos e estilo.

Davide Salvado  participou en diversos proxectos como a banda de Xosé Manuel Budiño ou a Banda das Crechas e Ecléctica Ensemble

Davide foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de WOMEX 2014. Grazas a isto, conseguiu unha gran presenza nos medios especializados de todo o mundo e xa comezou a súa carreira internacional con datas confirmadas en festivais e concertos de diferentes países.

LOBOS está composto de 10 temas cheos de amor pola tradición, por Galiza, pola súa lingua e as súas xentes. Os lobos inspiran este disco como parte da Galicia máis pura e salvaxe. Está feito dende o corazón, é un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é. E dende esa enerxía local a súa música transfórmase nun son global. LOBOS, está producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), e colaboran músicos do talle de Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrra), entre outros.


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed