De brindos e loias

Data
07/03/2020 _ 16:00 h

Lugar
CSC A Trisca

Prezo: 30 €

Categoría


“De brindos e loias”. Introdución ao canto improvisado na montaña luguesa

Mais un monográfico este ano sobre a improvisación oral, desta volta arredor do xénero no Courel e Ancares con Kike Estévez, autor da monografía recentemente publicada “O Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro“. Este curso está orientado non só para persoas xa iniciadas noutras modalidades repentizadas galegas, coma a regueifa, senón para todo o alumnado xeral interesado nas peculiaridades propias destes cantos da montaña luguesa.

Detalles do curso:

  • Data: sábado 7 de marzo
  • Horas: de 16 a 20 h
  • Lugar: CSC A Trisca. Compostela
  • Prezo: 30 €
  • Inscricións e info: matricula@folque.com

Necesidades:

  • papel e bolígrafo

Descrición

Neste encontro imos coñecer as peculiaridades dos cantos improvisados nas montañas orientais galegas, máis coñecidos por brindos ou loias. Xa que logo, alén de achegármonos ás raíces desta manifestación poética, repararemos na súa distribución xeográfica e nas súas características propias, como as melodías, a linguaxe, as temáticas ou os procedementos de elaboración dos versos das practicantes desta tradición. Por outra banda, tentaremos implicar o alumnado na creación de coplas e na aprendizaxe das melodías pertencentes a esta variedade do canto improvisado galego.

Kike Estévez

Alén de improvisador poético, é filólogo e profesor de linguas. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo (2011) e cun Mestrado en Educación Secundaria (2013), comezou no mundo do repente no ano 2014 a partir dun Curso de Regueifa organizado polo CIOV do Concello de Vigo. Co tempo foise asentando no eido do improviso, realizando actuacións e impartindo obradoiros de regueifa en centros culturais e escolares de toda Galiza. Tamén foi o ideólogo e presentador do programa de radio sobre regueifa “A punta da navalla”, emitido en Radio Valadares durante ano e medio (2016-2018) e formou parte como co-autor na “Metodoloxía didáctica do repente galego” (2017), publicada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra. No ámbito do canto oriental, recentemente vén de publicar un monográfico sobre o canto improvisado na montaña luguesa: “O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro” (aCentral Folque, 2019). Actualmente realiza o seu terceiro ano no Programa de Doutoramento de Estudos Literarios na Universidade de Vigo, onde traballa nunha tese arredor dos cantos de voda improvisados en Galiza no século XX.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed