Estatalá

Map Unavailable

Data
24/02/2024 _ 16:30 h

Lugar
CSC de Grixoa

Prezo: de balde

Categoría


Máis un concerto de proximidade nos centros socioculturais de Santiago este mes. O vindeiro sábado 24 de febreiro o grupo Estatalá en formato de trío desta volta, participará na Festa do Lacón en Grixoa organizada pola A.VV. Montelongo. Será a partir das 16.30 horas no propio CSC de Grixoa con entrada libre ao concerto. Hai un xantar popular no que se queres ir comer, debes contactar coa asociación. Para esta actuación o miolo de Estatalá con Úrsula Rial e Carlos Quintá, estarán acompañados polo talentoso Xosé Liz.

Estatalá nace en 2015 coma un proxecto no que Carlos Quintá e Úrsula Rial procuran novas formas artísticas arredor do concepto habitual de grupo de música e apartándose dos ciclos discográficos ditados pola industria. O miolo do proxecto é unha dupla que abrangue músicos convidados habituais coma Xosé Liz e explorando outras disciplinas artísticas coma o teatro popular, a narración oral, o baile,… cunha premisa a priori: a frescura e a emoción dun directo moi pensado para desfrute e participación do público. Neste periodo de tempo, levan actuado en festiváis coma o Andanças (Portugal), a Zona da Zanfona en Rianxo, o Galician Fiddle en San Simón, o Encontro de Danzas do Mundo en O Carballiño, o festival de concertinas de Getxo ou o Festival Alcalá folk,… Así como nos distintos encontros en torno ao BalTrad que organizan os diferentes colectivos da Galiza como a asociación Monteira ou aCentral Folque.

Úrsula Rial

Úrsula Rial comeza a súa formación artística aos catro anos anos de idade enrolándose con mestres do eido da música Tradicional Galega como Antón Corral ou no Conservatorio Profesional de Vigo, con quen dominou técnicas de afinación e interpretación da gaita galega, percusións e bailes. No ano 2016 é pioneira en acadar o Diploma da Etrad de Vigo como Mestra de Música Folk e Tradicional na especialidade de requinta galega, escola na que actualmente é mestra substituta da especialidade, actividade que compaxina coas aulas que do mesmo instrumento imparte na A.C. O Fiadeiro ademais dos distintos obradoiros sobre flautas traversas que imparte pola Península. Forma grupos musicais como Col&Flor ou Estatalá, pensados para as danzas europeas, cos que toca para grandes bailes por toda a xeografía galega.
Dende o 2018 participa na creación do Estudo Musical As Gonzalinhas de Lalín, no que colabora en gravacións de discos como Linho do Cuco 3, Primeiros Bicos de Ataque Escampe ou Peixe de Xisco Feijoó. Actualmente desenvolve proxectos como ‘Simbiose’ entre o baile e a música tradicional co músico e bailarín Artur Puga.

Carlos Quintá

Carlos Quintá estuda acordeón diatónico con Pedro Pascual no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, institución pioneira na pedagoxía da música popular da Galiza, completando ós seis anos previstos no plan de estudios; e de violín cursando ate grado medio no ensino formal académico do Conservatorio para despois ampliar estudios de maneira autodidacta nos rexistros das músicas populares. Asiste a obradoiros de música con mestres coma Jacky Molard, Janick Martin, Alain Pennec, Cati Plana. Dende o ano 2009 é o profesor de acordeón diatónico na E-Trad, escola de música tradicional e folk do concello de Vigo. Artisticamente forma parte coma músico e arranxista do grupo Linho Do Cuco, fdos que produciu os discos Linho do cuco (2004), 3 (2009), As Alegrías (2012) e Viva Viva (2016); do dúo Fdez e Quintá co zanfonista Óscar Fernández, e de Estatalá centrado na interpretación de música popular para o baile. Ten participado, tanto en gravacións como ao vivo con diferentes grupos como Os Cempés, Motor Perkins, Ataque Escampe… No 2021 grava, arranxa e produce artisticamente o disco Peixe do cantante e bailarín Xisco Feijoo, co que ademais actúa en directo. Dende o ano 2007 é músico das compañías de teatro e teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj coas que leva participado na creación de máis de dez espectáculos e máis de 500 representacións por toda a Península. No 2021 publica con Pedro Pascual o libro De Botóns, o máis extenso traballo sobre acordeón diatónico na Galiza, un cancioneiro con 100 melodías adaptadas ao instrumento.

Xosé Liz

Músico de recoñecido prestixio nacional e internacional no ámbito do folk galego e a Celtic Music. Máis de trinta producións discográficas cos mellores artistas galegos (Cristina Pato, Susana Seivane, Blanco, Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Anxo Lorenzo, Begoña Riobó, Xisco Feixóo…) e a súa habitual presenza nos mellores palcos adicados a estas músicas (Celtic Connections, Piping Live, Vall D’aOsta, Scottish Weekend, Festival Interceltico de Lorient…) avalan a traxectoria deste multiinstrumentista vigués.
Compaxina a súa tarefa de música profesional, produtor, arranxista e compositor coa súa laboura de mestre titular de frauta e corda pulsada na prestixiosa Escola de Música Folk e Tradicional E-Trad de Vigo, dende 2009.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed