Data
15/10/2022 _ 20:30 h
Lugar
Igrexa de Santiago
Prezo: de balde
Categoría
Derradeiro concerto do ciclo Bordóns co concerto de carácter temático ‘A zanfona e o Camiño de Santiago’ polo virtuoso Germán Díaz. Adaptación en clave de jazz sobre romances, danzas medievais, folklore castelán e composicións propias inspiradas no primeiro itineraio cultural europeo.
Terá lugar na igrexa de Santiago de Padrón, lugar moi vencellado á historia xacobea onde, segundo sinala a tradición, petou o barco co corpo martirizado de Santiago O Maior cando chegou á Gallaecia.
Sobre Germán Díaz:
Naceu en 1978 en Valladolid, onde realiza estudos de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidade de Valladolid. Estuda zanfona cos grandes mestres europeos. Actuou por todo o mundo con numerosas formacións e intérpretes. Pertenceu á mítica Viellistic Orchestra e o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas. Actuou por todo o mundo con proxectos tan dispares como Tasto Solo, centrado na interpretación de repertorios para instrumentos de tecla dos séculos XIV e XV, ou agrupacións jazzísticas como Baldo Martinez ou Paolo Angeli. En 2004 creou a súa propia discográfica, Produciones Efímeras, canda Fernando Fontes. Colaborou en máis dun centenar de gravacións discográficas e editado numerosas obras como solista, e composto B.S.Ou. para cinema, teatro e televisión.
Sobre a zanfona e o programa:
A zanfona é un dos instrumentos que máis representacións ten ao longo das diferentes rutas que debuxan a peregrinación cara a Santiago. O sorprendente da organoloxía do instrumento, é que, despois dos seus máis de mil anos de historia, é practicamente o mesmo artefacto o que se usa hoxe en día para a música contemporánea e o que se utilizou no século XII para acompañar os cantos litúrxicos.
A zanfona viviu un período de esplendor na baixa idade media e no papel da música no Camiño; moitas das representacións do organistrum apelación que damos ao antecesor da zanfona-, sitúano no lugar principal da arquivolta de músicos que rodean ao Pantocrator.
Aínda que no século XVIII, co afán barroco polo extravagante, converteuse en instrumento de corte, e a propia reina María Leszczynska tentaba a súa práctica, a zanfona foi instrumento de cegos e esmoleiros, que usaban ese bordón continuo como base para acompañar romances e narrar historias.
Así volveu á Península, a través da Ruta Xacobea, coas historias e as aleluias dos cegos copleiros.
Este concerto fai parte do ciclo ‘Bordóns: a zanfona no Camiño’, proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo. #OteuXacobeo #Xacobeo2022 #zanfonanocaminho