Grupo 1500

Map Unavailable

Data
04/05/2024 _ 12:30 h

Lugar
CSC Cidade Histórica Marxua e Coralia

Prezo: de balde

Categoría


O Grupo de Música Antiga 1500 ofrecerá un concerto especial en sesión matinée para o ciclo No Campo de Fóra. ‘Do divino e o mundano’ é un programa sobre músicas da Europa occidental co punto pivotante do ano 1500. Durante o medievo e o renacemento, o mundo relixioso e o profano conviviron moi próximos nas diversas manifestacións artísticas e, moi especialmente, na música. Este feito serve como pretexto para artellar un programa que, partindo de pezas medievais de carácter fundamentalmente relixioso (como é o caso das Cantigas de Santa María), remata na fértil produción dos cancioneiros ibéricos dos séculos XV e XVI.

Terá lugar no CSC da Cidade Histórica Maruxa e Coralia (Salvador Parga 4) ás 12.30 h o vindeiro sábado 4 de maio de 2024 con entrada de balde até completar capacidade.

O concerto será en formato quinteto:

  • Rosana Orsini, voz
  • Belén Bermejo, voz e percusión
  • Roberto Santamarina, fídulas
  • Pablo Ruibal, viola de gamba
  • Andrés Díaz, frautas, cítola, laúde, viola de gamba, dirección

Grupo de Música Antiga 1500

Dirixido por Andrés Díaz, é unha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio comprende desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media até a música do Renacemento e do primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500 que dá nome ao grupo. As persoas que o integran 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando asiduamente con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Martin Codax, Resonet, Malandança, Vox Stellae, Il Combattimento, Fía na Roca, Vai Trío, Cuarteto Alicerce, Pres de Cambrai, Silva de Sons, Ensemble Rosarum Flores Austria, VIVID Consort, Ensemble Freymut, Favola d’Argo) e levan ofrecido numerosos concertos en Galicia, España e no resto de Europa e América.

Na interpretación e elaboración dos diferentes programas, o grupo busca o máximo rigor histórico e conceptual, empregando nas súas interpretacións un amplo repertorio de instrumentos medievais e renacentistas. Ademais da súa actividade concertística, o grupo de Música Antiga 1500 desenvolve outro tipo de proxectos relacionados coa música, desde a súa concepción e deseño até a súa execución: bandas sonoras para audiovisuais (1500 prestou a banda sonora para a curtametraxe Cadea Perpetua ou o documental O mariscal, e a súa música ambienta o audiovisual das novas salas inauguradas no Museo do Pobo Galego), concertos, obradoiros e materiais didácticos para centros de ensino, conservatorios e escolas de música, e actividades formativas e divulgativas para adultos.

Desde a súa fundación, en 2005, o grupo leva ofrecido ofrecido un gran número de concertos nos máis diversos escenarios de Galicia, España e Europa: Ciclo de Músicas na Compañía da USC, Ciclo de órgano de Xunqueira de Ambía, Semana Santa de Foz, Semana Santa de Ourense, Museo de Belas Artes da Coruña, Festival Espazos Sonoros nas súas edicións 2008 e 2012, a Festa da Istoria de Ribadavia, Festival Internacional de Músicas da Itinerancia de Compostela, Música nas Ruínas de Pontevedra, Festa da Arribada de Baiona, Ciclo Monumenta, Igrexa de San Paulo de Narbona (Francia), Aste Nagusia de Bilbao, ciclo de concertos da Ribeira Sacra, As notas do pemento de Herbón, ou o Museo das Peregrinacións de Santiago. En 2014 foi convidado para actuar na clausura das celebracións, en Compostela, do VIII centenario da peregrinación de San Francisco. Formou parte ademais, do programa do I Ciclo de órgano de Vilanova de Famalicão (Portugal), do Festival Pórtico Sonoro, o ciclo Nexos da Cidade da Cultura e do festival de Música Antiga de Loulé, no Algarve. En 2017 realiza unha xira en Austria, en colaboración co grupo Rosarum Flores, actuando no ciclo de concertos de verán da localidade de Imst así como na catedral de Innsbruck, na Hofkirche da mesma cidade e en diferentes igrexas do Camiño de Santiago do Wipptal, na fronteira con Italia.

En 2020 gravou un CD para o libro Venecia abandonada, do poeta Eduardo Estévez, editado por Positivas en 2021, con músicas do Renacemento inspiradas e impresas na mítica cidade.

Co proxecto Dous Mares ofreceu, en 2021, un concerto dentro do ciclo De Lugares e Órganos, en 2022 dentro do ciclo Espazos Sonoros e, en agosto de 2023, foi convidado a participar no Festival de Música Antiga e Colonial de Juiz de Fora en Minas Gerais, Brasil.

Web do grupo: http://www.grupo1500.es/

Este concerto está feito en colaboración coa Concellaría de Capital Cultural e a Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago de Compostela.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed