Data
27/07/2016 _ 20:00 h
Lugar
Biblioteca de Rianxo
Prezo: de balde
Categoría
O traballo é o resultado dunha parceiría entre o zanfonista galego Ariel Ninas e o cantor portugués César Prata. Son 16 temas galegos e portugueses reinterpretados da tradición oral da literatura de cordel, relatos que ceguiñas e ceguiños levavan de vila en vila para facer o sustento da súa vida.
O acto terá lugar na Biblioteca Municipal de Rianxo ás 20 h coincidindo coa inauguración da exposición “Zanfonistas de Castelao” e contará coa presenza e a interpretación musical de Ariel Ninas.
“Cantos de cego de Galiza e Portugal” é un CD que se presentará este outono ao vivo. O dúo conformado por músicos procedentes de Galicia e Portugal presenta unha proposta arredor dun personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido en ambas as beiras do Miño. Un conxunto de cancións de temática común: crimes, romances, parrafeos de namorados, desgarrada, feitos históricos, cancións de orixe sefardí, historias que durante séculos, desde a Idade Media ata os nosos días, acompañaron a paisaxe sonora de feiras, romarías e rúas.
Dous músicos de ambos os países, Galicia e Portugal, recrean estas cancións cunha variada instrumentación —zanfona e guitarra, viola braguesa, concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas— nun programa composto, a partes iguais, por melodías galegas e portuguesas, recollidas en cancioneiros ou rexistradas directamente de informantes de Mesía, Pinhel, A Guarda, Fonsagrada ou Viseu. Estas cancións graváronas recentemente para formar parte do primeiro disco do dúo.