Puntada sen fío na RMS

Data
14/05/2016 _ 21:00 h

Lugar
Auditorio da Xunqueira

Prezo: 5 €

Categoría


PuntadasenfioContinúa a Rede de Músicas Soltas de Redondela, desta volta cun novo proxecto nacido no 2015 dun grupo con base en Compostela que vén presentar o seu primeiro disco saido xusto un ano antes deste concerto. Puntada sen fio cantará as súas composicións contidas no album “A lúa prendeu a luz”.

Está formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo soprano). Nace tras o paso dos seus compoñentes por diferentes formacións musicais, como o grupo de percusión Odaiko, Fía na Roca, Os d’Abaixo ou O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía. Amigos e compañeiros dentro e fóra dos escenarios, deciden montar un espectáculo en pequeno formato que lles permita chegar facilmente ao público, baseando o seu repertorio na música tradicional e de autor do noso país, achegando unha visión e unha sonoridade orixinal, creada en gran medida polos instrumentos que empregan sobre o escenario.

En maio de 2015 saiu á rúa o primeiro traballo discográfico de Puntada sen fío, levando como título “A lúa prendeu a luz”. Trátase dun disco formado por nove temas de moi diferentes estilos, partindo algúns do tradicional e sendo outros composicións propias, de autores da nosa terra ou traducións de cantigas escritas orixinariamente noutras linguas. Na liña habitual do grupo, destaca a sonoridade orixinada polos instrumentos que utilizan (saxo e vibráfono) e que puxeron en mans de Pedro Lamas, Roberto Somoza e Adrián Saavedra, que se ocuparon dos arranxos. O fío conductor de “A lúa prendeu a luz” é o tempo. Tódalas cantigas falan sobre el: narrando acontecementos clave da nosa historia, aconsellando as mellores fórmulas para afrontar o seu paso e non temer ao futuro, lembrando os amores que marcharon e non voltarán… letras profundas e de calado que non deixan a ninguén indiferente.


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed