Data
15/02/2020 _ 16:30 h
Lugar
CSC A Trisca
Prezo: 10 € e 15 €
Categoría
Regueifa Miúda: para educador@s, familias e nen@s de 3 a 7 anos
Primeiro monográfico para este 2020 coa regueifeira e cantora Alba María, un curso especial pensado para mestr@s e familias (crianzas acompañadas) para empoderarse coa lingua do poder da persuasión e improvisación oral.
Detalles do curso:
- Data: sábado 15 de febreiro
- Horas: de 16:30 a 18:30 h
- Lugar: CSC A Trisca. Compostela
- Prezo: 15 € (adultos) e 10 € (crianzas)
- Inscricións e info: matricula@folque.com
Descrición
O monográfico Regueifa miúda consiste nunha nova metodoloxía para a improvisación oral destinada a educador@s, familias e nen@s de entre 3 e 7 anos. A través da regueifa como punto de partida, combinarase movemento, música e palabra para conectar a través do son as distintas xeracións e os distintos mundos que habitamos verbal e musicalmente desde a diversidade. Partindo da consciencia do propio corpo como elemento produtor de ritmo e que responde a el, transitaremos o país das palabras, os xestos, a música, o baile e con estes iniciarémonos nas pautas básicas da regueifa tradicional: estrutura estrófica, cómputo silábico, ritmo, rima, campos semánticos, metáforas… e sen ter que saber ler!
Alba María
Cantora, filóloga e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo actividade no eido da regueifa. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo a través dos valores da igualdade de xénero. En relación con este ámbito imparte obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado desde os 3 anos. Graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (2017), un monográfico centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños.