Ribeirana e Mens

Map Unavailable

Data
23/12/2021 _ 20:00 h

Lugar
A Casa do Taberneiro

Prezo: de balde

Categoría


O vindeiro xoves 23 de decembro ás 20 horas na Casa do Taberneiro (Rúa de San Pedro 15, Compostela) teremos a presentación das publicacións coa presencia das autoras. A entrada é de balde até completar aforo

Estes títulos son as últimas novidades da editorial d’aCentral Folque (canda o título Concha do Canizo, Este pandeiro que toco…), libros moi especiais enmarcados no proxecto Muller Ferreña que aCentral Folque desenvolveu grazas ao apoio da Deputación da Coruña e o programa de Proxectos Singulares.

Dentro da colección Chave Mestra, a última referencia e número 20 xa é Pandereiteiras de Mens de Beatriz Busto, unha visión decolonial e en feminino sobre estas artistas bergantiñáns que se subiron a un palco por vez primeira no ano 1972 no Teatro Colón da Coruña, sendo as pioneiras do movemento de cantareiras elevadas á categoría de “artistas” con este acto na escea musical folclórica. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas e que o libro reflicte cunha visión única no enfoque da investigación. O libro compleméntase cun CD con gravacións inéditas. O traballo é unha excelente achega ao patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha excelsa compilación de músicas de diversos arquivos e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical no que a autora contou co apoio inestimábel do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.

O último número da colección Seiva é O infinito no pé. Ribeirana de Eva Moreda e Serxio Cobos. Unha obra a medio camiño entre a narración e o ensaio; un “escrito sobre o pasado” das dificuldades que se nos ofrece para capturar o sentido e sensibilidades das artes transmitidas de forma oral, como neste caso o baile da ribeirana. Non se trata só de describir ou documentar o coñecemento que se ten sobre este baile en particular, tamén indagar na memoria simbólica do movemento e do xestual, dos seus usos rituais, sociais e lúdicos, a súa transmisión no ámbito doméstico e feminino na sociedade tradicional. O libro recolle as transcricións do baile en bailegramas con deseños orixinais e inéditos do bailador e artista plástico Serxio Cobos.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed