Esta semana o Curso Maxistral da Escola de Música Popular e Avanzada recibe a visita dun dos mellores músicos galegos, clarinetista e investigador Fernando Abreu que impartirá un seminario sobre as músicas populares urbanas e do cambio social de finais do século XIX e XX, tema do que está a desenvolver para a súa tese de doutoramento.
Breve Bio
Clarinetista galego de sólida formación académica e ampla e variada experiencia profesional. Titulado en clarinete polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e na interpretación de clarinetes históricos polo Koninklij Conservatorium de A Haia (Holanda), está tamén especializado en Música Tradicional Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Como intérprete ten participado tanto como solista ou en grupo en proxectos de música antiga, contemporánea, jazz ou popular cos que ten chegado a actuar por toda Europa, América ou norte de África realizando tamén traballos para teatro, cine ou tv. Na actualidade podémolo escoitar a dúo co guitarrista Pablo Carrera no seu proxecto mais persoal chamado 2uS e co cal ven de editar o segundo traballo discográfico, reinterpretando musica galega co Cuarteto Caramuxo, acercándose ó rock e á world music coa Banda Crebinsky ou dirixindo e tocando na Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.GA.) ademais de participar como colaborador en moitos traballos discográficos como os de Mercedes Peón entre outros.
Toda a súa bagaxe musical serve de base na súa faceta como docente onde traballa como profesor de música de ensino secundario no IES Salvaterra de Miño realizando gravacións discográficas e audiovisuais cos seus alumnos.
A versatilidade como instrumentista permítelle tocar todos os instrumento da familia do clarinete e así podémolo escoitar tocando un chalumeau ou un clarinete do S. XVIII ata os modelos mais modernos da familia como o clarinete baixo ou o contrabaixo. Como investigador centra o seu interés no papel do clarinete na música popular galega, nomeadamente nas murgas e nos cuartetos de principios do século XX onde este instrumento facía dúo coa gaita xunto a tambor e bombo. A súa investigación sobre Os Trintas de Trives semella un paso lóxico neste proceso de investigación que agarda ser en breve o argumento principal da súa tese de doutoramento en etnomusicoloxía na Universidad de Valladolid.