Foliada Habaneira para un V centenario

Co gallo dos 500 anos da fundación da cidade da Habana, o Consello da Cultura Galega organiza un congreso (A HABANA GALEGA: HISTORIA E MEMORIAS CRUZADAS), unha exposición (O soño cubano da emigración galega) e este concerto especial da FOLIADA HABANEIRA que terá lugar o vindeiro xoves 7 de novembro ás 21:00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá o concerto Foliada Habaneira interpretado por Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón na voz. O proxecto nace da simbiose entre a música galega e a cubana. A viaxe de ida e volta entre Cuba e Galiza representa un lugar desde o cal situarse musicalmente, que Alejandro Vargas (piano e dirección musical), Rosa Cedrón (voz), LAR Legido (percusión) e José Manuel Díaz (contrabaixo) realizan. As habaneras, o son, a «guajira» ou paralelismos improvisadores como o repentismo e a regueifa son as augas que constitúen este mar polo que transitaron e transitan Cuba e Galiza, muiñeiras e danzóns. Desde o mar de sal da Habana até o mar de pedra de Compostela. Entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Retirada de convites no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día do concerto desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo (Teléfono: 981 571 026). Aquí podes consultar o programa de man do concerto e saber máis sobre intérpretes e repertorio. 

A cidade da Habana, cuxo quinto centenario se cumpre en novembro deste ano 2019, posúe unha relevancia sobranceira na historia de Galicia. Na capital cubana existiu tamén un mesto tecido asociativo galego dende 1871 e nela resoaron ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo. Dende alí sostívose a Academia Galega dende o seu nacemento, así como ducias de escolas, sociedades agrarias e periódicos anticaciquís de ámbito local, ademais de forxárense ou estreárense símbolos da Galicia contemporánea coma o himno galego. Logo da inauguración da exposición O soño cubano da emigración galega na Habana o pasado mes de outubro, o Consello da Cultura Galega quere sumarse á efeméride con tres actividades coas que abrimos o mes de novembro e agardamos sexan do teu interese. Estas actividades contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Máis detalles:

Congreso A HABANA GALEGA: HISTORIA E MEMORIAS CRUZADAS, que terá lugar os días 7 e 8 de novembro de 2019 no salón de actos do Consello da Cultura Galega, baixo a coordinación de Xosé M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro García. Nel Contaremos coa participación de Vicent Sanz, Sergio Guerra, José C. Moya, Ramón Nicolás, Xerardo Agrafoxo, Xavier Alcalá, Rosa Aneiros, María Xosé Porteiro, Alfonso Iglesias, Pilar Cagiao Vila, Julio César González Pagés, Xosé M. Núñez Seixas, Raúl Soutelo, Cira Romero, Manuel González Luis Toledo Sande.  Podes consultar aquí o programa polo miúdo e facer a túa inscrición. Aínda quedan prazas.

Inauguración exposición O soño cubano da emigración galega no Museo do Pobo Galego o día 7 de novembro ás 19:00 horas. A exposición, comisariada por X.M. Núñez Seixas e María Xosé Porteiro, aspira a narrar e recrear as fases e facetas principais da epopea da emigración galega en Cuba, dende a chegada dos inmigrantes até o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.  A exposición permanecerá aberta ata o 22 de decembro de 2019.  Neste enlace podes consultar o convite.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario