Fuliada na Vila, o novo de Richi Casás

Fuliada na Vila, de Richi Casás, é o segundo traballo editado por aCentral Folque na colección ZECA. A través dun libro e un CD de nova creación, que se acompañan pero que contan con entidade propia, o autor propón unha viaxe aos mundos musicais e emocionais que conforman a súa traxectoria.

As gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de súa avoa Rosa son o punto de partida da aposta artística de Richi Casás. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz. Ademais, no texto que guía a narración do libro, Richi Casás reflexiona acerca de diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan. Tamén sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.

Richi Casás

Criado a cabalo entre a Vila da Igrexa (Cerceda) e o barrio da Agra do Orzán (A Coruña), Richi Casás (1977) medrou tamén entre influencias musicais diversas, algunhas delas recibidas xa no seo familiar. Por un lado, a vivencia da música tradicional, presente na súa casa desde sempre da man de súa avoa; por outro, a cultura das bandas de música, que coñecía de perto pola experiencia como intérprete de seu avó.

A nivel persoal, a súa formación foi heteroxénea, xa que se curtiu como gaiteiro nos torreiros e como músico de orquestra en formacións como Os Satélites, ao tempo que desenvolvía a súa carreira académica como saxofonista no Conservatorio Superior de Música da Coruña, con especialidade de jazz.

© Eutropio Rodríguez

O libro: a metáfora do túnel

O libro de Fuliada na Vila está composto por unha narración de Richi Casás estruturada en dez capítulos, acompañada de imaxes de grande valor extraídas do arquivo familiar e de fotografías da autoría de profesionais como Eutropio Rodríguez ou Distrito Xermar. Ao longo do texto, o autor lévanos de viaxe polos campos de millo da Vila da Igrexa e as leiras de cemento da Agra do Orzán, por bares folkies e aulas de conservatorio, polas institucións que custodian os arquivos da música de transmisión oral e mesmo pola experiencia da emigración.

O paso baixo a vía do tren da Vila da Igrexa permítelle ao autor realizar unha metáfora sobre a cultura galega de tradición oral e o corte na súa transmisión, unha idea central no desenvolvemento do libro. Esta cesura dáse no tempo do que Richi Casás chama a xeración túnel, criada no franquismo e marcada polo éxodo rural. É á xeración post-túnel, da que el fai parte, á que corresponde a transmisión do lume, legado dos avós.

O CD e a banda de Fuliada na Vila

© Eutropio Rodríguez

O disco de Fuliada na Vila componse de dez temas inéditos; algúns deles composicións orixinais de Richi Casás e outros arranxos do autor sobre as melodías recollidas por Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa en 1980: xotas, muiñeiras, cantos de Nadal… O CD inclúe tamén seis destas gravacións, que nos permiten escoitar as pezas cantadas por Rosa e Adolfina, avoa e tía de Richi Casás, naquela xornada en Cerceda corenta anos atrás.

Xunto ao saxo alto, a voz e as percusións de Richi Casás, dez músicos compoñen a banda de Fuliada na Vila: Branca Villares, Carolina Vázquez e Pepa Yáñez á voz e pandeireta, Fran Gª Galán á guitarra, Carlos Santos ao baixo, José Ares “Panete” á batería, Javi “GDJazz” Pereiro á trompeta, José Luís Miranda ao trombón, Gueorgui Oganesian ao saxo tenor e Fran Barcia ao acordeón. Ademais, a gravación do disco conta coa voz de Belém Tajes en dous temas e co violín de Antía Ameixeiras nun deles.

 

Detalles do libro/CD:

  • Libro-CD
  • Colección: ZECA
  • Ref: Z 02
  • Páxinas: 130
  • Idioma: galego
  • PVP: 20€
  • Mercar en Inquedanzas Sonoras
  • ISBN 978-84-949511-4-5

Podes escoitar e mercar o disco nas plataformas de escoita dixital:


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario