Jazz da Rúa Nova

‘Jazz da Rúa Nova’ é un concerto de artistas consagrados da escena compostelana. Nel, presentarán as suas correspondentes novidades discográficas: Pablo Castaño Quartet, ‘A-la-láa’, e Pablo Sanmamed Trío, ’16/04′.

‘Jazz da Rúa Nova’ é unha noite co bo jazz da cidade este xoves 11 de abril no Teatro Principal de Santiago no corazón da Cidade Vella, lugar onde se tocaba por vez primeira esta música en Galicia nos anos 20 en locais senlleiros coma o Café Español, o Teatro Royalty ou o Quiqui Bar.

Pablo Castaño Quartet coa colaboración da cantante Ugia Pedreira presentan “A-la-láa“, un disco feito a partir da inspiración dos cantos pausados e melilsmáticos da tradición oral galega e debuxado coas cores e sotaques do jazz neoyorquino.

“A-la-láa” explora desde a linguaxe do Jazz as melodías e modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega. Adaptacións, composicións propias e versións en formato de cuarteto coa colaboración vocal da grande Ugia Pedreira en dous temas. O cuarteto de Pablo Castaño, de tradición jazzística, está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Atópase influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos, dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc. O álbum bebe de fontes rigorosas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, ou o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.

  • Pablo Castaño: saxofóns
  • Yago Vázquez: Piano
  • Paco Charlín: Contrabaixo
  • Iago Fernández: Batería
  • Ugia Pedreira: voz

Pablo Sanmamed Trio presentan “16/04”, un paseo polas corredoiras do jazz con ritmos e aires da world music, o que é o primeiro disco liderado e gravado polo contrabaixista Pablo Pérez Sanmamed.

Jazz e Word Music danse a man neste esperado disco debut de Pablo Sanmamed Trio cheo de melodías das que fican na cabeza. Nel mergullámonos nunha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrucción musical desde a linguaxe do Jazz. Unha particular banda sonora na que se conxugan composicións orixinais de carácter descritivo con pretextos compositivos nos que intuír distintas sonoridades de raíz.

16/04 é un disco de excepción da nova escena musical do Jazz de Compostela, distinguida polo seu interese na materia prima das músicas tradicionais

  • Pablo Pérez, contrabaixo
  • Iago Mouriño, piano
  • Bruno Couceiro, batería

As entradas teñen un prezo de 12 € (descontos habituais do 50%)

Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h. Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono: 981 542 349.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Pingback: II Jazz da Rúa Nova – Folque

Deixa un comentario