Esta sexta feira 30 de setembro ás 18 horas terá lugar o segundo concerto do ciclo Bordóns: a zanfona no Camiño con dous actos, o concerto de Ariel Ninas e a presentación de Kril, sintetizador Midi a manivela do artista sonoro Xoán-Xil López. (a.k.a. Xiselr) Os dous músicos forman parte de Ulobit, trio de arte experimental e interpretarán pezas especialmente encomendadas para o festival.
O acto decorrerá na Sala Capitular do Mosteiro de Santa María en Sobrado dos Monxes, un espazo senlleiro e dos poucos restos conservados da construción orixinal do edificio cisterciense do século XIII.
Os vindeiros do programa son os seguintes:
Venres 7 outubro. 19 h
Pärbo: ‘Meditación musical no Rosario’
Igrexa de Santa Uxía de Mougás, Oia
Venres 14 outubro. 19.30 h
David Bellas & Iván Abal: ‘Retrotopía’ + Francisco do Romualdo: ‘Paus de cego’
Igrexa de Santa María de Godos, Caldas de Reis
Sábado 15 outubro. 20.30 h
Germán Díaz: ‘A zanfona e o Camiño de Santiago’
Igrexa de Santiago, Padrón
Concerto do día 30 de setembro:
- Programa ‘(a)tom’ de Ariel Ninas: zanfona, loops, paxariños
Ariel Ninas móvese entre a tradición máis evolucionada, irrespectuosa e a contemporaneidade máis efémera. Nos últimos anos toca en varios proxectos de improvisación libre froito da súa participación coa OMEGa, Orquestra de Música Espontánea de Galiza -ImaxinaSons’09 con Fred Frith, Traumzeit Festival (Duisburg) con Michael Fisher. Co Comando Delta deconstruíndo a Golpes Bajos con Germán Coppini-; ou o trio experimental Ulobit e o trad de Tralo-Valo. Para este concerto presentará ‘(a)tom’, un concerto con composicións propias, versións e temas da tradición oral nun percurso transitando a paisaxe sonora, a tonalidade occidental, a modalidade antiga cos recursos acústicos, melódicos, pedais e suxerentes do instrumento.
- Presentación de Xoán-Xil López (a.k.a. XISELR): KRIL
Xoán-Xil López baixo o pseudónimo XISELR, proxecto que se centra no uso de texturas sonoras e bordóns interpretadas cunha serie de dispositivos electrónicos de fabricación propia. A través da experimentación e a improvisación proponse unha revisión de instrumentos, entre eles o KRIL, revisitando a zanfona, ao tempo que se investigan novas posibilidades expresivas da síntese sonora e a interpretación electrónica.
Este concerto fai parte do ciclo ‘Bordóns: a zanfona no Camiño’, proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo. #OteuXacobeo #Xacobeo2021 #zanfonanocaminho