Monográfico de Ribeirana

O sábado 12 de marzo de 2022 a Escola de Música d’aCentral Folque organiza un curso monográfico impartido por Serxio Cobos sobre a RIBEIRANA; unha modalidade moi especial de baile solto con acompañamento musical de muiñeira vella acreditado en Bergantiños e moi apreciada polas veciñas do lugar. Diferenciada da punteada ou do pateado da zona (muiñeira e xota) é unha danza que precisa ser aprendida pola súa específica secuencia de xestos e coreografía especial coa estrutura singular dun bailar antigo e sofisticado, creativo e acompasado, complexo e improvisado…

A Ribeirana é unha reliquia desde o punto de vista etnográfico, só recollida na zona coruñesa de Bergantiños polos grupos folclóricos a partir dos anos 70 e xa daquela en vías de desaparición, só lembrado polas persoas máis vellas da zona.

O curso terá unha parte teórica para a comprensión estrutural e espacial da Ribeirana e o contexto onde se desenvolve e o visionado do inédito e único vídeo etnográfico coñecido gravado en Mens no 1971 polo grupo de Coros y Danzas da Sección Feminina (conservada no arquivo da Asociación Eidos). Fundamentalmente o tempo será ocupado na práctica dos puntos e marcas que chegaron aos nosos días, verémolos nos Bailegramas e crearemos as nosas ribeiranas a partir de todo este traballo. Para poder aproveitar este monográfico, requírese un coñecemento previo do baile solto galego.

Con este curso pretendemos contribuír á súa divulgación e aprendizaxe para preservar nas futuras xeracións esta expresión singular. Bailadas “aos catro ventos”, as Ribeiranas son auténticas xoias do noso patrimonio. Serán vosas e serán infinitas.

aCentral Folque está a traballar nos últimos meses arredor desta danza con publicacións coma o libro O infinito no pé. Ribeirana de Eva Moreda e o propio Serxio Cobos; Pandereteiras de Mens de Beatriz Busto ou o proxecto Muller Ferreña.

Detalles:

  • Lugar: Centro Sociocultural do Romaño. Santiago de Compostela
  • Data: 12 de marzo de 2022
  • Horario: sábado de 11 a 14 h e de 16h a 19h. 6 horas totais
  • Prezo: 30 €
  • Prazas limitadas
  • Nivel: persoas iniciadas no baile solto
  • Inscripción: enche o formulario de embaixo; recibirás un correo coas instrucións de matrícula.
  • + info: matricula@folque.com

Breve bio de Sergio Cobos

Especializado en música e danza tradicional Galega a través da formación na escola de folcklore “Cantigas e Agarimos” e en traballo de campo e recollidas Etnocoreográficas etnomusicolóxicas desde o ano 1989.

Adícase a danza tradicional en todas as súas vertentes como creador e intérprete sendo coreógrafo, bailarín, músico e director musical.
Foi fundador e director artístico das compañias BRUMA e TREBÓN (Novas tendencias da danza galega), director musical e intérprete de danza nas compañías CÍRCIO e GS21 asi como intérprete do grupo VIOLIA (música tradicional galega).

É ilustrador de diferentes traballos e actualmente investiga para a creación de unha nomenclatura e simboloxía ad hoc ao baile tradicional galego chamado “cara ós Bailegramas”. En Portugal está traballando como intérprete na compañia de danza contemporánea CLARA ANDERMATT. Musicalmente dirixe o grupo portugués AQUÍ HÁ BAILE .

Mestre de baile da Escola de Música d’aCentral Folque e noutros centros do país.

No 2018 publica da man d’aCentral Folque o libro Bailegramas o primeiro manual de escritura de baile galego dentro da colección Seiva.

 

Formulario de inscrición:

Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación e as instruccións de pagamento; debes mirar na pasta do “spam” se non te chegase á pasta principal do teu correo electrónico.

Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.



Estes cursos están organizados por aCentral Folque coa axuda de:

Concello de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario