É un día triste. Unha das persoas ás que máis lle deben a antropoloxía, a etnografía e a cultura galegas finou a día de 17 de marzo en Madrid. Nada a ver co virus en circulación, pois xa estaba maliño nos últimos tempos. Aos seus 90 anos, o doutor Lisón Tolosana (La Puebla de Alfidén, Zaragoza, 1929 – 2020) realizou traballos imprescindibles para comprender as nosas tradicións, as nosas crenzas, os nosos costumes… Dende as súas primeiras obras publicadas nos anos 70, o seu interese por Galiza e a súa historia queda patente na súa “Antropología Cultural de Galicia” ou en “Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega”, onde fai un repaso das causas e consecuencias das numerosas tradicións que se atopou na nosa terra nas súas viaxes por ela durante as décadas dos 60 e os 70 do século pasado.
No que se refire á poesía improvisada, el foi o primeiro en describir con exactitude as loias e os brindos da montaña luguesa, e as súas obras son referentes no seu estudo para xs investigadorxs que veñen/vimos detrás. E non só, pois amais da montaña luguesa tamén hai referencias nas súas páxinas á regueifa, pois as súas viaxes por Galiza non remataron na montaña, senón que tamén percorreu outros lugares, como a zona de Bergantiños, onde se atopou con regueifeiros como o gran Blanco de Muiñoseco.
Cando me embarquei na investigación para o libro do “Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro” (aCentral Folque, 2019) tiven que introducirme no traballo deste zaragozano de ben, do que quedei marabillado pola súa exactitude nas descricións das nosas tradicións ancestrais, entre as que estaba o canto improvisado. Para min foi un orgullo coñecer persoalmente a Carmelo Lisón, hai exactamente un ano, co gallo dun congreso de Antropoloxía en Santiago de Compostela. Souben, o mesmo día do Congreso, que estaba en Compostela e alí me fun sen saber se podería falar con el. Só me deron un teléfono de contacto, ao que fun chamando polo camiño sen fortuna na comunicación. Ao chegar a Compostela, finalmente conseguir contactar coa súa acompañante e encontreime con eles na Alameda da vila compostelá. Aínda que xa ía moi maior (89 anos) e custáballe falar debido ao cansazo, penso que aquel paseo e a posterior entrevista foron das cousas máis enriquecedoras que fixen na vida. E tal foi o impacto daquela entrevista, que, despois de solicitarllo e contar coa súa aprobación e o seu entusiasmo, decidimos poñela como prólogo ao libro do “Ribeira”. Non podía haber outro prólogo mellor.
Desde aquí só podo dicir grazas. Grazas polos teus traballos sobre a nosa terra, tan esenciais e detallados. Ninguén coma ti soubo recoller o ethos e o pathos da nosa cultura ancestral e deixárnolo por escrito para as xeracións vindeiras. Grazas pola túa bondade e o teu interese no libro do “Ribeira”, do que mostraches gratitude e emoción desde o primeiro momento.
E grazas por terte coñecido, mestre. Seguiremos a túa pegada.
Que a terra che sexa leve, Carmelo Lisón Tolosana.
Kike Estévez autor de “O Ribeira de Louzarela. Brindador da dentro”, libro onde se recolle a última das entrevistas feitas ao antropólogo en Galicia, feita durante os días do 14 congreso Internacional de Antropoloxía SIEF, os días 14-17 de abril de 2019.
Que a terra lle sexa leve. DEP
Xa deixou pegadas importantes nos que estudiamo en santiago polos anos 70 comparto o teu sentir
In memorian
UN GRANDE HOME D.E.P