“A Música tradicional no ensino da linguaxe musical”, curso intensivo que imparte este interesante curso Sergio de la Ossa os 5 e 6 de abril de 2014 no CMUS de Santiago. O prazo de inscrición é ata o día 7 de marzo. A riqueza e variedade da música tradicional galega convértena nun apoio excelente para a aprendizaxe da lectura e escrita da música, e dende logo tamén para a adquisición de técnicas musicais varias ademais de servir como ilustración e exemplificación de conceptos teóricos.
Para matricularte podes ver os detalles na web do Conservatorio Profesional de Compostela:
DURACIÓN E HORARIO
16 horas de duración: 5 de abril: 10:00 a 14:00 h e 16:00 a 20:00 h e 6 de abril: 10:00 a 14:00 h
Sen número máximo de participantes
CONTIDOS
A riqueza e variedade da música tradicional galega convértena nun apoio excelente para a aprendizaxe da lectura e escrita da música, e dende logo tamén para a adquisición de técnicas musicais varias ademais de servir como ilustración e exemplificación de conceptos teóricos. Desde os xogos cantados e bailes sinxelos, pasando por mínimos artificios baseados no material mesmo (canon, quodlibet, etc.) e chegando a abordar conceptos máis complexos no estudo da música (escalas modais, ritmos asimétricos), neste curso descubriremos moito do que temos que aprender da música tradicional galega e moito do que ela nos ofrece como materia prima no ensino da música.
—Traballaremos con xogos cantados, bailes e cancións variadas, das que extraemos exercicios prácticos para o desenrolo auditivo, a percepción e execución rítmica, entre outras habilidades musicais
—Discutiremos a relación entre os exemplos propostos e a súa notación con conceptos concretos da teoría musical
—O material estará principalmente composto por música vocal. As pezas escollidas ilustran ritmos asimétricos ou aksak, escalas modais, formas simples e compostas, exemplos de versificación (romance, zéjel, seguidilla chamberga…), etc.
—O romance e a canción narrativa. Obradoiro de interpretación e creación, adaptación de melodías existentes a textos novos
—Ofreceranse guías para o emprego de gravacións auténticas no ensino da música e fontes e referencias da súa procedencia
OBXECTIVOS
—Comprender as estruturas musicais das que se compón a canción tradicional
—Obter unha visión global da riqueza da música tradicional galega e en concreto dos seus ritmos, as súas escalas ou sistemas tonais, as súas formas, a métrica poética e a relación texto/música
—Aportar una compilación de pezas musicais axeitadas para o ensino en múltiples niveis acompañada de consellos didácticos
MATERIAL
—Entregarase aos asistentes unha selección de partituras e textos utilizados no curso.
SERGIO DE LA OSSA
Nace en Madrid en 1978, e vive desde 1982 en Compostela, onde realiza estudos de Mestre de Educación Musical (USC, 1996-1999). Trasládase despois a Hungría, e desde 2011 imparte a materia de ‘Folk Music’ no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét), onde antes fora a completar a súa formación entre 2001 e 2004 (obtendo o novo Grao de Especialista en Pedagoxía Musical Kodály no 2010).
Recibe leccións e consellos sobre transcrición e catalogación de músicas tradicionais de parte das etnomusicólogas Mária Domokos e Olga Szalay, do Instituto de Musicoloxía (ZTI) da Academia Húngara das Ciencias, Budapest. Traballa desde 2007 na transcrición, edición e arquivo do material musical pertencente ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (www.apoi-mpg.org).
Exerceu como mestre de solfexo, guitarra clásica e harmonía na Escola das Artes (Brión) e na Escola de Música Berenguela (Compostela), e tamén ofreceu cursos e conferencias sobre música tradicional, baile, xogos e a adaptación do Método Kodály á realidade galega.
Ampliou o seu interese ao mundo do baile tradicional e á notación do movemento, eido no que destaca a súa participación como co-autor do libro de baile tradicional galego “Así fan os bailadores” (Dos Acordes, 2009).