aCentral Folque publica un novo título da colección Chave Mestra e xa van 15 nos últimos 4 anos!
O acto de presentación para este primeiro monográfico que aCF ten na provincia de Ourense será o vindeiro domingo 5 de maio às 18:30h O acto terá lugar no Local Social de Olelas e intervirán os autores e os representantes políticos Ramón Alonso López, alcalde de Entrimo, e Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración. “Sindo de Olelas. Concertina galega“, unha monografía do toque nesta aldea raiana dun tocador singular e apreciado con texto de Xurxo Souto, transcricións de Pedro Pascual e fotografías de Eutropio Rodríguez.
Olelas, concello de Entrimo, provincia de Ourense. Como os seus veciños din ,“unha aldea empoleirada na montaña”. No outro lado dun encoro -todos son familia-, A Várzea xa é Portugal. Terra de músicos. Calquera celebración xira ao redor dun instrumento: “a concertina” (acordeón diatónico).
Como en todas as aldeas contratan unha orquestra o día da festa. Mais aquí o clímax chega xusto no descanso, cando as concertinas soben ao palco e a parroquia enteira baila as danzas que aprenderon dos seus maiores: o vira, o S, e a cana verde.
O gran tocador destes tempos foi Sindo, directamente Sindo de Olelas. Como a maioría dos seus veciños emigrou a Francia (polo verán esta é unha aldea bilingúe, campan nela dous idiomas: o galego e o francés). Por suposto, canda a maleta levou tamén o instrumento. E tanta foi a súa paixón que á volta, cando construíu a casa nova, fixo no salón un pequeno palco para poder tocar en toda celebración.
Deixounos a finais desta segunda década do século XXI. Mais a tradición continúa. Alén dos propios tocadores de Olelas, os fillos de Sindo bailan nos ranchos portugueses de París. E o seu neto espalla por Francia adiante o repertorio destas montañas.