Nace en Axóuxere unha nova colección, Calíope, e con ela chéganos o canto fermoso da musa de insondábel presenza, a súa voz viva e fértil… Abre así un espazo para os xéneros que —mesturándose ou non entre eles— propoñan horizontes de lectura, de pensamento e de experiencia nos que o concepto non necesariamente estea presente. Desde narrativa até poesía, pasando por ensaísticas autobiográficas ou dramas do absurdo; desde escritas desenvolvidas por creadores galegos, a traducións doutras linguas ao galego ou portugués.
E vén coa musa o primeiro libro, Lapsus. A comedia de existir, drama que, como unha oscilación traxicómica na que o absurdo e o sen tino se fan señores da tremoia e da mascarada, nos reflicte toda a confusión e patetismo dunha sociedade contemporánea sumida na inexpresividade social, na constante tendencia cara a un progreso xa inasumíbel psiquicamente, e no rexeitamento dos lugares miúdos ou dos ámbitos nos que o frugal se expresa; síntoma, todo iso, dunha enfermidade, dun mal, dunha psicose colectiva na que o “drama”, o “teatro do mundo” (que diría Calderón) comeza a entrar, flutuando nun bucle insistente e obsesivo do que semella imposíbel o regreso, a saída.
A escrita dramática de Alfonso Pexegueiro (Angoares, 1948) desbórdase no libro e condúcenos (máis no calado e subterráneo ca no evidente e manifesto) por toda unha serie de cuestionamentos que teñen á “outredade desprezada” por unha das principais claves; en especial a outredade do neno, tanto a do neno como criatura existente, como a do devir-neno ao que todos estamos abocados.
Axóuxere é un proxecto de resistencia creativa e traballo comunitario