Nova convocatoria do curso de transcrición

A ELMPG propón un cambio de formato para favorecer o acceso a interesados non residentes en Santiago do curso de Sergio de la Ossa sobre transcrición e análise de canción tradicional unha oferta pedagóxica sobre o xeito de transcribir melodías do cantigueiro galego e a súa análise musical.

Unha parte do material de traballo provirá dos fondos do APOI, co obxectivo de publicar finalmente na súa web, unha vez revisadas e editadas, unha selección das mellores partituras que se elaboren no curso. Esta é unha mostra de material xa publicado: MUS125 – MUS125 (audio) / MUS279 – MUS279 (audio).

Detalles:

+Duración: 16 horas

+Datas: DECEMBRO 13, 20

+Horas: de 10 a 14h e de 17 a 21h cada sesión

+Lugar: CSC Trisca

+Prezo: 80 €

+Contidos:

  • Introdución á transcrición de música vocal tradicional do repertorio galego.
  • Presentación e estudo de diferentes tipos de transcricións (principalmente prescritiva e descritiva), facendo especial fincapé na transcrición medianamente detallada que caracteriza a práctica actual húngara.
  • Ornamentación e variación.
  • Práctica individual de transcrición de pezas de distintos xéneros e dificultades, comezando polas máis sinxelas e atendendo aos diferentes niveles dos asistentes. Solicitarase o envío do material transcrito por correo electrónico antes da segunda sesión (escaneado ou fotografado de facerse a transcrición a man, ou en formato pdf ou jpg/tif de editarse con Finale, Sibelius, eMuse ou outros programas). O obxectivo é corrixir, poñer en común e debatir en grupo sobre os resultados; solucións particulares a casos de cantigas especiais.
  • Ferramentas de análise baseadas na tradición etnomusicolóxica húngara, adaptadas á tradición galega.
  • Tipos de versificación e métrica poética.
  • Estudo e análise de pezas galegas e de cancións doutras culturas que presenten riscos semellantes aos das cantigas galegas, ou outros complementarios e descoñecidos que axuden a poñela en contexto.

+Obxectivos:

  • Adquirir os coñecementos e desenvolver as capacidades básicas para encarar o tratamento profesional do estudo e a divulgación da música vocal da tradición galega.

+Material:

  • Software recomendado: Transcribe! (by seventhstring). (Transcribe é un software de uso sinxelo, empregado por profesionais e de custo relativamente baixo (29€ aprox.), cuxas actualizacións son gratuítas). Outros programas de software libre cos que se poida ralentizar a música poden ser empregados a un nivel básico.

+Matrícula:

podes facer a prematrícula online nesta ligazón ou simplesmente escribir un mail directamente a matricula@folque.com

Sergio de la Ossa

SergioOssaÉ diplomado como mestre de Educación Musical pola USC. Completa a súa formación en Hungría entre 2001 e 2004 (obtendo o novo Grao de Especialista en Pedagoxía Musical Kodály no 2010). Desde 2011 imparte a materia de ‘Folk Music’ no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét). Recibe leccións e consellos sobre transcrición e catalogación de música tradicional de parte das etnomusicólogas Mária Domokos e Olga Szalay, do Instituto de Musicoloxía (ZTI) da Academia Húngara das Ciencias, Budapest. Traballa desde 2007 na transcrición, edición e arquivo do material musical pertencente ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (www.apoi-mpg.org). Exerceu como mestre de solfexo, guitarra clásica e harmonía e tamén ofreceu cursos e conferencias sobre música tradicional, xogos e bailes e a adaptación do Método Kodály á realidade galega. Participou como co-autor do libro de baile tradicional galego “Así fan os bailadores…” (Dos Acordes, 2009).

Acerca de Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Garda a Ligazón permanente.

Deixa un comentario