2º Festival rupestre e de proximidade
O sábado 16 de setembro na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha celébrase O FECHIÑO. 2º Festival Rupestre e de Proximidade. Un proxecto que pon en contacto á comunidade local co patrimonio rupestre da zona mediante propostas culturais próximas e sustentábeis que combinan música, baile, rutas, narración oral, gastronomía e mesmo baños de bosque. Unha experiencia lúdica para vivir en conxunto con familias, amizades e veciñanza. Para facilitar p transporte haberá autobús de ida e volta á cidade así como entre os distintos lugares por onde se desenvolven as actividades.
As actividades estenderanse ao longo de toda a xornada. As actividades comezaran ás 10:30h co roteiro “Rupestre sonoro” conducido polo Clube Espeleolóxico Maúxo que percorrerá as estacións líticas da Pedra que fala, O Casarello, A pedra Cabalgada e o Aguillón. Na Pedra que Fala, en Vilar do Rei, o público poderá desfrutar ás 11:00h da primeira intervención musical do día que virá da man de Xoel López e Pablo Caamiña Urssuson membros do grupo “Sangre de Muérdago”. O roteiro rematará en San Xoán de Fecha ás 13:00h coa intervención de “A faia de Ponto” un espectáculo de poesía escénica que conxuga a poesía de Alba Cid e Estevo Creus coa música do saxofonista Xosé Miguélez.
O xantar popular comezará ás 14:30h no campo da festa de Lamascal, precisa de inscrición previa no correo electrónico ofechinho@folque.com e ten un custe de 18€. Aquelas persoas que opten por traer a súa comida poderán deixala gardada antes de que comecen as actividades no local social para non ter que levala no roteiro. Deseguido, ás 17:00h, o contador Celso F. Sanmartín e o músico Benxamín Otero compartirán co público presente os contos, músicas e maxias do seu espectáculo “No tempo dun café”. A xornada de tarde continuará cun “Baile Assalto” de danzas do mundo para todas as idades impartido por Serxio Cobos ás 18:30h.
Paralelamente en San Xoán de Fecha e con inscrición previa no correo electrónico ofechinho@folque.com terán lugar dúas orixinais actividades ás 17:00h o roteiro “Todo é pedra” que conectará a memoria coa arquitectura na compaña da antropóloga Paula Ballesteros e o canteiro e restaurador Xosé Lomba. A segunda actividade, ás 18:30 h será un “Baño de Bosque” conducido por Rosalía, favorecedora dunha conexión consciente coa natureza. Estas actividades teñen prazas limitadas.
As actuacións musicais do serán no campo da festa de Lamascal porán fin ao Festival coas intervención dos grupos de música folque “Brúa” que subirán ao palco ás 21:00h e “Ailá” que farán o propio ás 22:30 h invitando a poñer en práctica o aprendido no Baile Assalto.
O FECHIÑO. 2º Festival Rupestre e de Proximidade preséntase ao público este domingo día 10 de setembro ás 13:50h no Santuario de Belén (Santa Cristina de Fecha) coa celebración dunha regueifa promocional entre Alba María e Luís “O Caruncho” encadrada dentro da programación das Festas da Nosa Señora de Belén.
O FECHIÑO é unha produción de aCentral Folque que conta coa colaboración da Asoc. Ambientalista A pedra que fala, O Clube espeleolóxico Maúxo, Asociación Itínera a Asoc. Veciños S. Xoán de Fecha, a Asoc. Veciños. Sta. Cristina de Fecha, Asoc. de veciños de Campolongo e o apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
Mail de inscricións: ofechinho@folque.com
Diaporama de imaxes do que foi o Fechiño neste 2023 by Agostime