O FECHIÑO ESTÁ DE VOLTA

3º Festival Rupestre e de Proximidade

O día sábado 13 de xullo na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha celébrase O FECHIÑO. Festival Rupestre e de Proximidade. Máis un ano aCentral Folque produce este encontro estival en contacto coa comunidade local e o patrimonio rupestre da zona mediante propostas culturais próximas e sustentábeis. Unha experiencia lúdica para vivir en conxunto coa familia, amizades e veciñanza, con actividades que se estenden ao longo de toda a xornada.

As actividades comezarán ás 10:30 h co roteiro “Rupestre sonoro” guiado polo Clube Espeleolóxico Maúxo, que percorrerá as estacións líticas da Pedra que Fala, a Pedra Longa, o Casarello, a Pedra Cabalgada e o Aguillón, rematando en S. Xoán de Fecha. No lugar da Pedra que Fala, será Quico Cadaval quen presente “Estórias Sonolíticas”, esas historias doutras pedras, que son as que precisa a pedra de Fecha para despois ter algo do que falar. Ao rematar o bus trasladará ás persoas asistentes que o precisen ao campo da festa de Lamascal ou a Santiago de Compostela.

O xantar popular comezará ás 14:30 h en Lamascal, onde estará disposta a carpa, con mesas e asentos. Traede a vosa comida: poderedes deixala gardada antes de que comecen as actividades. Na sobremesa, ás 16:30 h, asistiremos á emocionante entrega do “Fechiño de honra” a Francisco Miramontes Sánchez, por unha traxectoria vital de innegábel implicación na parroquia. Seguiremos ás 17 h co dúo Aldaolado, que ofrecerá “O Benquerer(se)”, un espectáculo poético cheo de espontaneidade, música, feminismo e sentido do humor. A xornada de tarde continúa ás 18:30 h en Lamascal cun “Baile Assalto” de danzas, impartido por Carme Campo e dirixido a quen desexe asaltar os torreiros a ritmo de muiñeira e xota. Non é preciso ter o cinturón negro de baile, só hai que traer o corpo e querer bailar!

Paralelamente, en San Xoán de Fecha e con inscrición previa no mail ofechinho@folque.com, terán lugar dous roteiros. Ás 17 h, o roteiro “Paisaxes que falan”, unha actividade guiada por David Fontán e Lucía Santiago, capaz de ler a paisaxe como o resultado da interacción sociedade-natureza. Ás 18.30 h, un “Roteiro rupestre” do Colectivo A Rula, peseguindo as pegadas históricas e prehistóricas que a humanidade deixou inscritas nas pedras.

O fin de festa desta terceira edición do Fechiño serán as actuacións musicais do serán, con artistas de referencia na escena actual galega. O dúo Caamaño & Ameixeiras subirá ao palco ás 21 h e a festa continuará ás 22:30 h con Os d’Abaixo.

Lembrade que haberá un bus para desprazarse: sairá desde a Praza de Galicia ás 10 h e desde Santa Isabel ás 10:10 h, con volta ao remate dos concertos. Reserva o teu asento en ofechinho@folque.com e fai uso do transporte colectivo!

O FECHIÑO é unha produción de aCentral Folque que conta coa colaboración da Asoc. Ambientalista A pedra que fala, o Clube Espeleolóxico Maúxo, o Colectivo Cultural A Rula, a Asoc. Veciños S. Xoán de Fecha, a Asoc. Veciños. Sta. Cristina de Fecha, a Asoc. De veciños de Campolongo e o apoio da Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

A PEDRA QUE FALA

  • 10:30-14:00. Roteiro Rupestre Sonoro. Guiado polo Clube Espeleolóxico Maúxo
  • 11:00. Quico Cadaval. Estórias Sonolíticas

CAMPO DA FESTA DE LAMASCAL

  • 14:30-16:00. Xantar popular
  • Trae a túa comida, disporás de zona habilitada con carpa e mesas
  • 16:30. Entrega do FECHIÑO DE HONRA a Francisco Miramontes Sánchez
  • 17:00. Aldaolado. O Benquerer(se)
  • 18:30. Baile Assalto con Carme Campo

VILAR DO REI E SAN XOÁN DE FECHA*

  • 17:00. Roteiro Paisaxes que falan. Guiado por David Fontán e Lucía Santiago
  • 18:30. Roteiro Rupestre. Guiado polo Colectivo A Rula

* Actividades con límite de prazas: inscrición previa en ofechinho@folque.com

CAMPO DA FESTA DE LAMASCAL

  • 21:00. Caamaño & Ameixeiras
  • 22:30. Os d’Abaixo

O FECHIÑO ANALÓXICO

  • Tres cámaras de carrete á vosa disposición para dar forma a una peza audiovisual colectiva.

Servizo de transporte gratuíto: haberá un autobús de balde entre a Praza de Galiza e Lamascal, con parada en Santa Isabel:

  • 10:00 h saída da Praza de Galiza
  • 14:30 h saída de Lamascal
  • 16:00 h saída da Praza de Galiza

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario