O día 6 de Agosto na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha celébrase O FECHIÑO. Festival Rupestre e de Proximidade. Un proxecto que pon en contacto á comunidade local co patrimonio rupestre da zona mediante propostas culturais próximas e sustentábeis. Unha experiencia lúdica para vivir en conxunto con familias, amizades e veciñanza.
As actividades estenderanse ao longo de toda a xornada. Pola mañá, haberá dous concertos: A Pedreira (Ugia Pedreira) ás 11 h na Pedra que Fala e Su Garrido Pombo ás 13 h en San Xoán de Fecha. Ademais, terá lugar o roteiro rupestre conducido polo Clube Espeleolóxico Maúxo no que visitaremos as estacións rupestres da Pedra que Fala, o Casarello, a Pedra Cabalgada e o Aguillón.
O xantar popular comezará ás 14:30 h en Lamascal. Ás 16:30 comezará Ollares cruzados, un café-conversa sobre iniciativas transformadoras do rural. Conducido pola antropóloga Paula Ballesteros, contará coas intervencións de Ana Iglesias Noya, veciña de Vilar do Rei e integrante da Asociación A Pedra que Fala; Carlos Martínez Uzal, coordinador da Asociación Itínera e Xoán-Xil López, artista sonoro e membro do Colectivo Rupestre Sonoro de aCentral Folque.
O baile assalto-danzas do mundo que abre a programación de tarde vén da man da bailadora Mercedes Prieto e o dúo musical Wod ás 17:30. Continuará unha sesión de improvisación oral do payador arxentino Wilson Saliwonczyk ás 19 h e fecharán os concertos dúas bandas folk chegadas desde Oxford (UK): Owl Light Trio ás 20:30 h e Xógara ás 22 h.
É necesario facer reserva para o xantar (26 €/persoa antes do 2 de Agosto) e para ter praza no bus que sairá ás 10:00 h da Praza de Galicia con parada en Santa Isabel. O mail de información e reserva é: ofechinho@folque.com
O FECHIÑO é unha produción de aCentral Folque que conta coa colaboración da Asoc. Ambientalista A pedra que fala, a Asoc. Veciños S. Xoán de Fecha a Asoc. Veciños. Sta. Cristina de Fecha e o apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
Diaporama de imaxes do que foi o Fechiño 2022. Fotos de Eutropio Rodríguez
Ahhhh APÚNTOME!!!!! QUÉ ACTIVIDADE TAN INTERESANTE!!!