O Feitizo de Maruja Roca na Coruña

O Feitizo de Maruja Roca é unha acción artística multidisciplinar centrada na obra da fotógrafa Maruja Roca da man de Eutropio Rodríguez, Nieves Neira Roca, Pablo Sanmamed e Iago Murinho. Terá lugar o vindeiro xoves 27 de maio de 2021 na Fundación Luis Seoane da Coruña ás 20 h. A reserva de entradas (limitadísimas) é no teléfono 981 216 015.

María Manuela Roca Calvo, máis coñecida como Maruja Roca, naceu no concello lucense de Castro de Rei (1912), un lugar de tránsito para unha familia acomodada de industriais que viña de Guitiriz e que catro anos despois se establecería en Baralla, vila na que, ao pé da N-VI, monta un café con fonda no primeiro andar. Sen estudos superiores, ese balcón ao mundo do mostrador dun bar naqueles tempos foi sen dúbida determinante para formar a súa singular ollada.

A obra de Maruja Roca ficou practicamente esquecida ou tan só na memoria das xentes de Becerreá. Tivo que ser Nieves Neira, sobriña neta de Maruja, e Eutropio Rodríguez quenes compilaron máis de 100 fotografías durante o proceso de investigación que tivo como resultado a edición do libro O Feitizo de Maruja Roca publicado no 2020 (aCentral Folque).

A súa fotografía sorprende pola súa calidade e estilo, especialmente pola capaciade de fabulación e por como os seus desexos máis profundos traslucen en cada imaxe. Os textos de Nieves Neira contextualizan o traballo da fotógrafa e, xunto coa edición fotográfica desenvolvida por Eutropio, fan desta edición un acto de xustiza e recoñecemento a unha artista excepcional.

O día 27 de maio de 2021 ás 20 h na sede da Fundación Luís Seoane o fotógrafo Eutropio Rodriguez, a poeta Nieves Neira Roca e os músicos Pablo Sanmamed e Iago Mouriño achegarán, ao público da Coruña, a obra publicada pola editorial aCentral Folque. O Feitizo de Maruja Roca é o título do libro, da colección Cámara Escura, que serve como sustento a unha presentación multidisciplinar.

Eutropio Rodríguez, responsable da edición fotográfica, valerase de 15 fotos seleccionadas do libro para comentar o resultado das profundas conversas con Maruja. Diálogos dunha relación íntima que xorde do proceso de investigación.

Nieves Neira Roca presenta oito fotografías escenografiadas. Adopta as posturas corporais das persoas que habitan nas fotos. Recitando fragmentos do libro e en relación constante con obxectos presentes na fotografía de Maruja Roca.

Pablo Sanmamed e Iago Mourinho acompañarán a acción de Nieves con tres pezas musicais de carácter narrativo onde a música quere contar unha historia como acontece co conxunto das fotografías que compoñen o libro.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. O libro é moi interesante!!!!

Deixa unha resposta a Teresa Cancelar a resposta