aCentral Folque organiza este curso de introdución á práctica da improvisación oral ou regueifa cunha das poucas mulleres que se adican a isto e son capaces de disputar en verso e cantando con esta arte universal en clave galega, Alba María. O curso está concebido en dúas semanas con dous sesións de dúas horas cada unha os venres 19 e 26 de febreiro. As prazas son limitadas para garantir un grupo reducido.
Inscricións por mail a matricula@folque.com
O presente curso plantéxase coma unha iniciación ao coñecemento e á práctica da poesía oral improvisada galega, centrándose na regueifa e traballándoa dun xeito lúdico. Iniciarémonos nas ferramentas de memoria, rima e recursos léxicos, ademais de ofrecer guías sobre canto, métrica e versificación. Nun pequeno apartado teórico, realizaremos unha breve introdución aos tipos de improvisación oral na Península Ibérica e no resto do mundo, ademáis de abarcar as temáticas xerais tratadas neste tipo de actividade.
Podemos prometer e prometemos que acabarás botando canda menos unha regueifa ao final deste pequeno curso
__________________
Alba María (Gran Canaria, 1995) é unha cantora, compositora e regueifeira galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: “Aínda” (aCentral Folque, 2014). Desde os 13 anos comeza a cursar acordeón no Conservatorio de Vigo e mergúllase no mundo da música tradicional galega, desenvolvendo unha intensa actividade como improvisadora oral, eminentemente no eido da regueifa. Actualmente é alumna de canto na Escola Livre da MPG (aCentral Folque) e cursa o 1º ano na Escola de Música Popular Avanzada. Ademais, realiza estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela.