Obradoiros de baile galego nas festas de San Xoán de Compostela

Máis un ano levamos o baile para todos os públicos dentro das Festas de San Xoán que o Concello de Santiago promove na praza de Mazarelos. Serán varios obradoiros de iniciación con música ao vivo a desenvolverse na rúa nas tardes do 21, 22 e 23 de xuño.

Abrirán os obradoiros o venres 21 de xuño: Baile solto: xota. con Gabi Reboredo e Martiño Malleiro para un achegamento ao baile ibérico por antonomasia, desta volta con sotaque galego. Obradoiro de iniciación para coñecer as dinámicas deste xénero coas súas voltas e puntos básicos. Entenderemos como funcionan estes bailes nas nosas festas e aprendermos uns puntos para participar en calquera foliada do país.

O obradoiro do sábado 22 de xuño: Baile solto: muiñeira. con Rebeca Tallón e Andrea Porto para un achegamento ao xénero galego por antonomasia: a muiñeira. Un baile solto que se danza en parella e se forma colectivamente onde a improvisación e a complicidade son factores de divertimento. Rodas, fileiras e puntos básicos serán os ingredientes desta sesión acompañada con música ao vivo.

O último obradoiro destas festas de San Xoán será o domingo 23 de xuño: Baile galego: agarrados. con Luís Prego para unha aprendizaxe dos bailes chegados de Centro Europa e América que arraigaron en Galicia desde finais do século XIX e fixeron desde entón parte das nosas festas: valsas, mazurcas, pasodobles, polcas, rumbas, chotis,…

A participación é de balde e a partir das 19.30h até as 21.30h.

Para coñecer toda a programación que se desenvolverá na praza de Mazarelos, segue esta ligazón:

http://www.santiagoturismo.com/axenda-cultural/axenda-cultural/fiestas-de-san-juan-2019-73525

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario