O auditorio do Forum Metropoliatano da Coruña acolle o vindeiro venres 26 de setembro a posta en escena de “Os contos de Joselín”. Esta será a presentación do espectáculo na cidade herculina sobre os contos de José Rodríguez de Vicente, persoeiro polifacético que chegou a ser alcalde de Baiona, ser o primeiro en gravar un conto en galego (nas históricas sesións do ano 1929 para a compañía Regal), Secretaría de Turismo ou documentalista cinematográfico. Tres oradores de renome recrean en palco “Os contos de Joselín” e asociaranos aos seus propios. Quico Cadaval é o director artístico deste espectáculo, no que tamén participan en palco o lalinés Celso Fernández Sanmartín e o zamorano José Luís Gutiérrez “Guti” que ademais de contar, canta, como tamén facía Joselín cos cantares de cego. O espectáculo ofrecerá tamén imaxes de época de Joselín, do que se poderá escoitar un conto na súa voz.
Esta aposta escénica ao redor do primeiro actor galego en gravar un disco coa súa voz é unha produción de aCentral Folque para revitalizar unha figura esquecida pero chave para comprender moito do humor que hoxe se fai na Galiza.