P.Ceremuzynska e Q.Peón: aula de canto

AulaCantoA aula de canto da Escola Livre componse este curso de dous mestres de alto nivel: Paulina Ceremuzynska e Quique Peón, dúas personalidades complementarias para unha especialidade onde pasaron xa outras grandes voces do país coma Guadi Galego, Ugia Pedreira ou Davide Salvado.

A aula de canto consiste en oito meses de ensino regular sobre técnica, repertorio e xiros do canto tradicional galego. Seis meses a aula está dirixida por Paulina e dous por Quique (marzo e abril). A matrícula pode ser conxunta ou por separado.

Bio breve Paulina Ceremuzynska

Estudou Musicoloxía na Universidade de Varsovia e Interpretación de Música Medieval na Universidade de Paris-Sorbonne. A técnica vocal perfeccionaa coa profesora Mercedes Hernández. Ten participando en numerosos cursos e masterclass cos profesores Richard Levitt e David Mason en Academia de Musica Antigua de Salamanca.  Entre outros, dirixe e interpreta proxectos musicais sobre as cantigas profanas galego-portuguesas dos séculos XIII e XIV, editados nos discos “Cantigas de amor e de amigo” (coa 2ª gravación mundial das cantigas de amor de Don Denis ) e “E moiro-me d’amor”. Cantou como solista co grupo “Malandança” dirixido por Francisco Luengo, co grupo polaco “Alienor”, e no proxecto “Estudio de Resonet”, dirixido por Fernando Reyes. É solista e directora do Grupo de Música Antiga “Meendinho”.

Bio breve Quique Peón

A prolífica traxectoria de Henrique Peón fan del unhas das figuras máis relevantes na danza e canto tradicional galegos. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso traballo de campo con centos de melodías e danzas que recuperou. Profesor de baile e música tradicional galega, en destacadas agrupacións do país como o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Na actualidade, Quique Peón compaxina a súa faceta de investigador, intérprete e docente no ámbito tradicional coas súas inquietudes interpretativas e as novas experiencias na danza contemporánea e no folque. No 2014 presentou a versión discográfica en clave contemporánea de Radio Cos, un proxecto que leva actuando dez anos con Xurxo Fernández que presentou en formación de quinteto no 2014.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario