aCentral Folque participou na X edición do festival de artes vivas Corpo (a) Terra nestes últimos días de agosto coa encomenda especial da coreógrafa Begoña Cuquejo para o espectáculo nocturno de avións luminosos non tripulados Pedras nas Luces que se fixo en Allariz e Ourense os días 28 e 29 respectivamente. O zanfonista Ariel Ninas foi o encargado de compor e gravar a música especialmente para este evento que fixo a partir das gravacións publicadas recentemente no libro “Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade” da colección Chave Mestra sobre un documento sonoro que Alan Lomax fixo no 1952 a pedreiros de Cotobade movendo un pedroulo en Beariz. Podes escoitar o documento orixinal aqui, unha gravación de campo sobre un canto de traballo coa impresionante voz e melodía de Antonio Pazos axudando aos compañeiros a levantar unha pedra nalgún momento de laboura no cemiterio de Beariz.
O espectáculo de 8′ feito con 32 drones describe formas de petroglifos da Idade do Bronce e marcas de canteiros da Idade Media en Galicia e sincroniza a música con bases electrónicas e zanfona sobre a melodía hipnótica do canto de traballo dos pedreiros de Cotobade.
O espectáculo puido seguirse ao vivo vía streaming ou desde varios puntos da cidade e para quen non estaba perto do lugar onde se reproducía a música non equipo de PA, houbo habilitado unha app para poder escoitala en tempo real.
Esta foi a primeira vez que se empregaba en Galicia este tipo de tecnoloxía para unha coreografía artística na que participou aCentral Folque e foi financiada polo #FondoXacobeo21 da Xunta de Galicia.
Pedras nas Luces é unha produción de aCentral Folque:
- Coreografía: Begoña Cuquejo
- Música orixinal: Ariel Ninas sobre unha gravación de Alan Lomax (T741.0, Track 5)
Podes ver un resumo do espectáculo aqui:
Podes escoitar o audio na versión final e a curta aquí: