Premio da Cultura Galega

O xurado dos Premios da Cultura Galega vén de recoñecer aCentral Folque co galardón deste ano no eido de Música que anunciou este pasado 5 de decembro de 2020. “Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. Recoñécese a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.”

Sobre este proxecto e este premio, a nota de prensa oficial publicada na web da Xunta di:

“Os Premios da Cultura Galega 2020 distinguen no eido da música a aCentral Folque, que iniciou a súa andaina como Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (2000-2007), centrada no ensino musical. En 2008 desprázase a Santiago e, xa co nome actual, amplía o seu labor ao estudo, á promoción e á divulgación da música galega, cubrindo a carencia existente ata o momento nas ensinanzas regradas da nosa música popular. A profesionalidade do seu corpo docente permítelle abarcar o ensino de diferentes instrumentos musicais non estudados habitualmente, así como da historia da música galega, etnomusicoloxía ou patrimonio musical. Ademais, ten organizado o Curso de posgrao de Música Galega (en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela), o Congreso de Antropoloxía Musical Galega (2001) e numerosos cursos monográficos.

aCentral Folque tamén desenvolve un intenso traballo na produción de eventos musicais, apostando pola descentralización dos mesmos e pola súa difusión por toda a xeografía galega, así como labores de produción editorial. Neste ámbito, a colección Chave Mestra recolle o pasado, o presente e o futuro do patrimonio musical e oral galego, contribuíndo ao coñecemento da obra de figuras como a de Maruxa Boga, así como á difusión dos traballos actuais de recollida. Hai que engadir, ademais, as edicións discográficas de novas voces e músicos.”

O resto das galardoadas foron a escritora Ledicia Costas, o fotógrafo Xurxo Lobato, a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Fegatea), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado, o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez, a Fundación Penzol e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Desde aCentral Folque queremos agradecer ao xurado pola decisión e a todas as persoas que nos teñen acompañado nesta viaxe da man da música popular galega. Especialmente as creadoras e intérpretes que dan sentido á nosa existencia; ao profesorado e ao alumnado da Escola da Folque; ás técnicas de son e de luces, as realizadoras de vídeo e as compañeiras de produción e administración; ás pesquisadoras, escritoras, fotógrafas, deseñadoras gráficas, tradutoras… que dan vida a ese espazo de encontro, creación e coñecemento que é a editora da Folque; a compañeiras e mestras que xa non están mas sempre vivirán en nós: Luis Areán, Pablo Cid, Pazos de Merexo, María de Silván, Pepe Temprano, o Ribeira de Louzarela, Celia e Riqueta da Simona, Sindo de Olelas, Antón Varela, o gaiteiro Poso, Ricardo Portela, Narf, Raul Piñeiro, Moxenas, Carlos Liz, Henrique Otero, Concha de Luneda, Juan de Freixo, Tonho o Cesteiro… e tantas outras.

E por suposto, o noso agradecemento ás persoas que asisten aos encontros e concertos, ás que compran entradas, libros e música, ás profesoras que aproveitan os nosos recursos artísticos e patrimoniais na aula, ás que os partillam e difunden de forma cómplice…

aCentral Folque é unha forma de vida e un acto de resistencia e compromiso coa música popular galega.

 

 

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario