Presentación d’A faia do Ponto

Este sábado 5 de novembro ás 12 h ao pé da árbore de ferro (metrosideros excelsa) das dependencias da Policia Local da Coruña. Presentamos ‘A Faia de Ponto. Le roi de la Galice’. Novidade editorial en formato plaquette con textos de Alba Cid e Estevo Creus Andrade e as ilustracións de Maria João Worm. Na presentacion literaria musical baixo a árbore senlleira estará ao saxo Pablo Castanho acompañando a Alba e Estevo.

No bosque artúrico de Brocelianda, en Paimpont (Bretaña), aínda hoxe podemos contemplar a faia de Ponto. Conta unha lenda que foi Ponto, Le roi de la Galice, quen plantou esa faia, outra asegura que a árbore é o propio Ponto, convertido nela tras a súa morte.

Partindo do romance medieval francés de finais do XIV ‘Ponthus et la belle Sidonie’, Alba Cid e Estevo Creus emprenden unha orixinal relectura poética que, deconstruíndo e ramificando o relato mítico, fai tremer as visións tradicionais do heroe e trae ás areas do presente o fondo cultural do mundo artúrico, lembrándonos a vitalidade do Reino da Galiza como referente na Europa medieval. Coa máxima liberdade creadora, os poemas de ‘A faia de Ponto. Le Roi de la Galice’ devolven a voz aos personaxes da orixinaria novela en verso, conseguindo que transiten unha cotiandade moderna sen renunciar ao seu sino histórico. As iluminacións realizadas en exclusiva para a presente edición son obra da artista lisboeta Maria João Worm.

Data de lanzamento: 5 de novembro.

Pódese mercar en librarías ou nas webs das nosas distribuidoras: Consorcio Editorial Galego e Inquedanzas Sonoras.

 

#Proxecto gañador do Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia 21-22 da Cultura da Deputación da Coruña

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario