“Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó” é o novo título da colección “Chave Mestra” sobre persoeiros da tradición musical e oral galega vense de publicar por aCentral Folque. Preséntase esta semana como clausura do VIII festival Espazos Sonoros coincindo co aniversario de Filgueira Valverde. Será o mércores 28 de outubro ás 20 horas no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra (mapa)
O acto consistirá na presentación do libro e a charla-concerto de presentación do proxecto que recupera as gravacións históricas da interpretación do reputado gaiteiro de Campañó da Marcha do Corpus de Pontevedra, auspiciadas no ano 1946 por Filgueira Valverde.
Xunto coa presentación do libro ‘Xoán Tilve, Gaiteiro de Campañó’, editado por aCentral Folque, un concerto, interpretado coa propia gaita de Campañó por Oscar Ibáñez, que porá o broche final á oitava edición do ciclo Espazos Sonoros.
Formato: Libro-disco.
Capa dura, 138 x 196 mm, ca. 160 páxinas, 1 CD
aCentral Folque, 2015.
PVP: 20€
Filgueira Valverde era moi consciente do valor etnomusicolóxico dos fondos do Museo de Pontevedra. Para o momento do lanzamento do Cancioneiro Musical de Galicia, compilado por Casto Sampedro en 1942 só ficaba en activo o Gaiteiro de Campañó, unha figura emblemática en Pontevedra por ser o gaiteiro das Marchas de Procesión do Corpus, sobre a que escribiu de forma erudita Filgueira.
Aproveitando os novos medios técnicos disponíbeis na cidade para a gravación sonora, grazas aos estudios de Radio Pontevedra, Filgueira decide levar adiante unha gravación documental insólita e de grande valor etnomusicolóxico e cultural: a Marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó no seu contexto e comentada ao vivo por el mesmo. Faino en 1947, rexistrando por primeira vez unha alocución propia nun rexistro sonoro. Dous anos depois morría o Gaiteiro de Campañó.
No ano 1999 Ramon Pinheiro, actual director de aCentral Folque, realiza un inventario dos rexistros fonográficos do Museo de Pontevedra, e promove a dixitalización do acetato de Filgueira e o Gaiteiro de Campañó, seriamente deterioriado polo paso do tempo. Ao Museo transládase a unidade móbil da Radio Galega e o enxeñeiro de son Pablo Barreiro realiza a primeira dixitalización desta xoia do patrimonio sonoro de Galiza. En total falamos de dúas alocucións de Filgueira Valverde e catro temas interpretados polo Gaiteiro de Campañó.
aCentral Folque encargoulle a investigación e texto para a publicación ao músico e investigador Óscar Ibáñez cun estudo biográfico sobre Xoán Tilve e ao musicólogo Xavier Groba que realiza unha interesante análise sobre o contexto, fondos e o legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra e de Filgueira Valverde.
A análise musical e edición de partituras que acompañan o libro son a cargo de Óscar Ibáñez.
O disco, que se publicaría conxuntamente co libro, incluiría a dixitalización íntegra das gravacións históricas, no que sería a súa primeira edición, e se gravaría especialmente para esta publicación novos temas dunha selección de repertorio histórico do Gaiteiro de Campañó, tocado co seu instrumento orixinal, por Óscar Ibáñez, acompañado por Cristian Silva no bombo e Andrés Vilán coma redobrante que gravaron con Pablo Barreiro nos estudos da Radio Galega no verán de 2015 este magnífico disco que agora vé a luz.