O último título publicado desde aCentral Folque, o disco de Ariel Ninas e César Prata “Cantos de cego de Galiza e Portugal” será presentado ao vivo nun concerto especial dentro do festival Espazos Sonoros. Será o vindeiro domingo 11 de setembro ás 19.30 h no marco incomparável do Castelo de Santa Cruz n’A Guarda (Pontevedra) dentro dunha xornada máis completa que o festival ofrece (Coñece o teu patrimonio: ás 11.30 h, Xornada no Baixo Miño: entre viñas e fortes, que precisa inscripción previa). O recital é de entrada libre e será un repaso polas mellores cancións do disco que se presentado ao público neste concerto.
Este dúo conformado por músicos procedentes de Galicia e Portugal presenta unha proposta arredor dun personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido en ambas as beiras do Miño. Un conxunto de cancións de temática común: crimes, romances, parrafeos de namorados, desgarrada, feitos históricos, cancións de orixe sefardí, historias que durante séculos, desde a Idade Media ata os nosos días, acompañaron a paisaxe sonora de feiras, romarías e rúas.
Dous músicos de ambos os países, Galicia e Portugal, recrean estas cancións cunha variada instrumentación —zanfona e guitarra, viola braguesa, concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas— nun programa composto, a partes iguais, por melodías galegas e portuguesas, recollidas en cancioneiros ou rexistradas directamente de informantes de Mesía, Pinhel, A Guarda, Fonsagrada ou Viseu. Estas cancións graváronas recentemente para formar parte do primeiro disco do dúo.
A fortaleza, castelo de Santa Cruz, na Guarda simboliza mellor ca ningún outro este punto de encontro, lugar fronteirizo e defensivo entre as dúas marxes do Miño que se unen, a través das músicas da tradición galega e portuguesa, arredor da chamada “literatura de cordel”.