Esta semana preséntase un novo título da colección da Chave Mestra. Desta volta, unha autora e unha bisbarra de mestres improvisadores para describir unha práctica centenaria que sobrevive nos nosos días. Ponteceso (domingo 10 decembro) e Carballo (mércores 13 decembro) son os lugares escollidos para estas presentacións.
«Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo» é un libro da Chave Mestra escrito por Alba María Rodriguez, regueifeira, cantante, filóloga e investigadora sobre esta arte de improvisar coa palabra. O libro contén un CD con gravacións inéditas de regueifas por cantadores da comarca, un ensaio sobre esta forma de expresión e transcrición e análise das letras e das melodías empregadas.
O domingo 10 de decembro presénsatase o libro na Aldea do Couto en Ponteceso (Casa dos Veciños, 17 h). Nesta presentación no Couto estarán a autora e o editor d’ aCentral Folque, Ramon Pinheiro Almuinha.
Na presentación en Carballo (mércores 13 de decembro) estará o editor d’ aCentral Folque, Ramon Pinheiro Almuinha, e despois haberá regueifa entre Lupe Blanco e a propia Alba María, sumado a algunha que outra sorpresa improvisada. O acto terá lugar na taberna O’ Mexillón ás 20:30. Este acto está deseñado desde aCentral Folque coa colaboración do Concello de Carballo (Normalización Lingüística).
«Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo»
A comarca de Bergantiños constituíu arredor dos anos 50 un berce de coplas, rimas e contextos óptimos para o desenvolvemento da poesía oral improvisada. Na súa manifestación en forma de controversia, a chamada regueifa, destacaron numerosas figuras que encarnan os últimos anos de vitalidade do fenómeno improvisador galego.
Entre elas soan con forza os nomes de Blanco de Muiñoseco (Coristanco) e o dos seus discípulos Calviño de Tallo (Ponteceso) e Celestrino de Leduzo (Malpica de Bergantiños). Ambos improvisadores levaron a disputa en verso ao seu máis requintado nivel. Máis alá dos casamentos (o contexto inicial do xénero) amenizaron os bares, as festas e calquera encontro público e semiprivado dunha Galicia eminentemente rural. A través destas figuras e o seu tempo coñeceremos estas coplas de catro versos octosílabos con rima nos pares, que vinculadas a unha melodía fixa compartida polos opoñentes, constitúen o celme da tradición cantada galega.