O venres 21 de decembro ás 20 horas terá lugar no auditorio do Museo das Peregrinacións (Praza das Praterías, 2. Compostela) a presentación da nova colección editorial d’aCentral Folque Cámara Escura cos dous títulos publicados este ano: O danés curioso en Ordes e Os danzantes dos Reis co fotógrafo e editor dos libros Eutropio Rodríguez que amosará e explicará as imaxes intensas, artísticas e de carácter etnográfico das terras de Ordes e de Riofrio (Mondariz) con textos literarios de Estívaliz Espinosa e Alba Cid respectivamente.
A Cámara Escura é unha nova liña editorial d’aCentral Folque de libros de literatura e con fotografías de grande calidade, de carácter artístico e etnográfico en versión trilingüe (GZ, EN, ES).
No patio de atrás da cultura galega nacen, facendo luz, os libros de Cámara Escura. Unha foto de moitas miradas. Unha xanela aberta en forma de ollares fotográficos e textos literarios á vida, a arte e a Historia. Imaxes e textos tan vibrantes e deliciosos, coma certeiros e necesarios.
Breve info sobre os libros:
O Danés Curioso en Ordes | El danés curioso en Ordes | The inquisitive Dane in Ordes
Gustav Henningsen, Estibaliz Espinosa. Ed. Eutropio Rodríguez.
O prestixioso folclorista danés Gustav Henningsen realizou máis de 2400 fotografías de extraordinario valor documental e artístico durante os seus traballos de campo en Galiza entre 1964 e 1968. A maior parte deste arquivo retrata xentes, espazos e ritos da comarca de Ordes, onde Henningsen tivo fixada a súa residencia. Deste material, na súa grande maioría inédito até o dia de hoxe, seleccionáronse 90 fotografías, grazas a colaboración do propio Henningsen co magnífico editor fotográfico Eutropio Rodríguez. As imaxes van precedidas dun fermoso texto literario inspirado no legado de Henningsen, creado pola reputada escritora Estíbaliz Espinosa. O libro presenta o texto na súa versión en galego, español e inglés. Esta obra é a primeira referencia de Cámara Escura, a nova colección de fotografía e literatura d’aCentral Folque.
Os Danzantes dos Reis | Los danzantes de Reyes | The three King’s dancers
Eutropio Rodríguez, Alba Cid
A parroquia de Riofrío, en Mondariz, conserva un complexo espectáculo de “danzas brancas” na mañá do 6 de xaneiro, que comeza tras as coplas de Reis dentro da propia igrexa de San Miguel, e continúa en órbita polo adro, arredor do templo. Non sempre foi así, ben se lembra o percorrido dos danzantes polos vales.
Este volume é un álbum de fotografías sobre os danzantes de Reis: os que danzan e as que danzaron, quen terma dos preparativos, mais tamén os gaiteiros, os retratos de man en man, os movementos e os lugares. As partituras e a transcrición das coplas acompañan as fotografías, así como un texto que explora canto alí acontece -desde as sensacións aos atributos e a vestimenta-, trenzando voces e dando conta das transformacións profundas que as danzas experimentaron.