‘Cantos de preto e lonxe’ é un ciclo de concertos na provincia de Pontevedra que ofreerán as últimas cacnións de Alba María contidas no seu disco de debut ‘Aínda’.
Alba María e banda ofrecerán tres concertos en Caldas, Baiona e Tui. Esta novísima voz galega ‘Aínda’, arroupada por tres músicos de excepción: José Manuel Díaz ao baixo e dirección musical, Felipe Villar á guitarra e Carlos Freire á batería.
- Caldas de Reis – 29 maio. Auditorio Municipal. 20 horas.
- Baiona – 11 xuño. 20 horas. Xardíns da casa da Navegación.
- Tui – 17 xuño. 21,30 h. Sala Félix Rodríguez.
ALBA MARÍA naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria. Até alí levou a familia o seu pai, daquela traballador dos asteleiros vigueses, e alí naceu e pasou os primeiros anos da súa infancia. A música canaria arrolouna nestes primeiros anos e aínda conserva ese legado, mais sería a súa avoa de Tuiriz (Lugo) a que a animou ao canto. Estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira. En 2013 comeza os seus estudos de canto na Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque, e en 2014 preséntase e gaña o I Certame de Canción de Autor organizado polo Concello de Teo. A partir de aí a súa vida artística dá un xiro xa que o premio consiste na gravación dun disco e aCentral Folque ocúpase da súa edición. Aí comeza a xestación de “Aínda”, un disco que contou cos arranxos dos artistas cubanos afincados en Galiza, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz, produtor musical do disco. O resto da sonoridade conséguea rodeándose un afamado elenco de músicos do folque e do jazz entre os que se atopan Pedro Pascual (Marful), Felipe Villar, Óscar Fernández (Os Cempés), Carlos Freire, Gutier Álvarez, Ariel Ninas,…
Malia a súa xuventude, a madurez da súa voz e a mestría das súas composicións convirten a “Aínda” nunha forte aposta discográfica que se presentou no Culturgal 2014 con chego total e que está de xira soprendendo e gustando tanto nas presentacións en teatros e auditorios como nos concertos ao aire libre. A finais de 2015 o disco esgota a súa primeira edición e xa vai pola segunda.
Desde entón pasaron dúcias de concertos e Alba María vaise asentando non só no eido da canción galega senón tamén no da improvisación, sendo unha das poucas voces femininas e unha das máis novas en entregarse á arte da regueifa, que practica e da que xa ofrece obradoiros.
No directo, “Aínda” sona a cuarteto, con Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Un cuarteto que leva a música galega ao máis alto coa saiba máis nova que se pode atopar neste momento na escena musical galega. En ocasións, o directo pode contar coa colaboración especial dalgún dos músicos que participou na gravación do disco.