O vindeiro luns 13 de novembro ás 19 horas preséntase o libro “Maruxa Boga. Recordando a Galicia” nun acto no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi) en Santiago de Compostela. Na mesa falarán un dos autores, Jesús Blanco Rosas, o editor d’aCentral Folque Ramon Pinheiro, María Xosé Porteiro do Consello de Cultura Galega e Anxo Lorenzo (Secretaria Xeral de Cultura da Xunta de Galicia)
O acto complétase cunha actuación de Alejandro Vargas ao piano e Alba María que reinterpretarán dúas cancións contidas no CD deste libro da colección Chave Mestra.
Maruxa Boga, é a principal locutora dos espazos radiofónicos galegos en Arxentina nos que divulgou infinidade de músicas xeradas na colectividade da emigración desde 1945, cando crea -seguindo a proposta que lle fixera Castelao- o programa Recordando a Galicia.
Esta edición súmase á colección Chave Mestra que está a editar aCentral Folque personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer, e que axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Esta unha serie de publicacións que rescata, descobre e divulga figuras indispensabeis da cultura tradicional. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición e análise de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas en cada unha das publicacións.
Maruxa Boga
Maruxa Boga foi unha das mulleres máis emblemáticas da emigración galega, pioneira na radiodifusión e no ámbito artístico-musical. Nacida en Río da Prata en 1915 asumiu como propia a orixe galega dos seus pais (de Barbanza), participando desde nova da efervescencia cultural que caracterizaba a emigración de Arxentina. Desde a década de 1930 destacouse como intérprete musical e tamén como actriz na posta en escena de “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao.
O seu primeiro contacto coa radio vén da man de Maruxa Villanueva, que en 1939 pensou nela para acompañala no proxecto de “Galicia”, a primeira radiorevista galega da emigración. Cando este espazo pechou, Maruxa Boga e o actor “Tacholas”, tomaron a iniciativa de apostar de novo por unha emisión de temas galegos e así naceu “Recordando a Galicia”, seguindo unha idea de Castelao. Pola súa calidade e audiencia o programa mantívose en antena desde 1945 ata 1984, o que o converte nun dos máis lonxevos da emigración.
Polo estudo de “Recordando a Galicia” pasaron intelectuais, artistas e escritores como Castelao, Luís Seoane ou Manuel Colmeiro. Pero sobre todo a audición foi un lugar de difusión e posta en valor da música galega creada en Arxentina, contando co amplo fondo musical que lle proporcionaban as principais casas discográficas locais e coas actuacións ao vivo das principais agrupacións, compositores e artistas residentes.