Rede de Músicas Soltas Redondela’16

faixaRMSPara este 2016 aCentral Folque organiza de novo un ciclo coa mellor música popular e cunha regularidade continua para a tempada inverno-promavera en Redondela. Por terceiro ano, a vila recibirá a presentación dos últimos discos que artistas do país e de fóra:  Puntada sen fio (A lúa prendeu a luz), Davide Salvado (Lobos), Lagharteiras (Lagharteiras) e de Javier Marcos Quinteto (Ten Dez); así coma os artistas internacionais Toques do Caramulo (Portugal) ou Coladera (Brasil). Os concertos son o terceiro sábado de cada mes ás 21 horas.

Por terceiro ano, a mellor música tradicional contemporánea que se pode ver en Galicia dun xeito próximo, íntimo e regular bota as redes nun caladeiro fecundo coma a vila do fondo da ría de Vigo. Unha cita mensual coas mellores músicas populares galegas e peninsulares nun programa para presentar os traballos de artistas en activo no acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, no corazón da vila dos viaductos.

A Rede de Músicas Soltas (RMS) trae peixe fresco de tempada de inverno e primavera. A RMS é un ciclo de concertos promovido polo Concello de Redondela e organizado por aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Concertos próximos ao redor da música popular, dos músicos con voz propia, e sos seus universos.

Coma vén sendo habitual, o cartaz do ciclo está deseñado polo artista local redondelán, Pablo Giraldez, O Pastor.

  •  Calendario: Terceiro sábado de mes (agás maio) de xaneiro a xuño.
  • Hora: 21 h
  • Lugar: Auditorio da Xunqueira de Redondela.
  • Billetes: 5 €
  • -Descontos: nen@s até os 10 anos, gratis. Moz@s até os 25 anos e persoas en situación de desemprego: 2 €
  • Venda de entradas: Auditorio da Xunqueira 30 min. antes de cada concerto. Reserva no mesmo lugar, ou no teléfono 986 40 28 65, desde o xoves da semana de cada concerto.
  • Alén dos concertos, haberá actividades (cursos e charlas) cos artistas na súa visita a Redondela. Máis información e inscricións aos cursos regularmente en info@folque.com

Descarga o programa de man aquí: Folleto_RMS_web

Programa de concertos

 

Presentará o seu último e aclamado disco Lobos. Davide Salvado é unha das voces máis representativas da Galiza con reminiscencias do canto tradicional aderezado con outros xéneros urbanos modernos. O cantante marinense Davide Salvado estará acompañado cunha banda de excepción: Santi Cribeiro ao acordeón, Pablo Dalama ao saxo e frautas e Carlos Freire á percusión.

Mes de entroido coa visita desde o Brasil dun trio singular: Coladera. MPB (Música Popular Brasileira) con tinturas africanistas de Cabo Verde e saudade de fado lisboeta. Dous cantores únicos Vitor Santana e João Pires sostidos por um dos mellores percusionistas de Brasil, Marcos Suzano.

Desde Mos e Redondela estas novas pandereteiras, Lagharteiras presentan o seu primeiro disco homónimo, unha escolma de cantos, regueifas, xotas, muiñeiras e mazurcas con diversos toques de pandeireta recollidos da tradicional oral galega.

Segundo artista internacional para esta III Rede de Músicas Soltas de Redondela cos veciños Toques do Caramulo unha explosión de puro folk serrano, depois de 3 discos deste grupo de Águeda, no corazón de Portugal.

Novo proxecto nacido no 2015 dun grupo con base en Compostela que vén presentar o seu primeiro disco saido xusto un ano antes deste concerto. Puntada sen fio cantará as súas composicións contidas no album “A lúa prendeu a luz”. Elas son Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo soprano).

En formato de quinteto, Javier Marcos preséntase en Redondela para pechar o III ciclo da Rede de Músicas Soltas. Ten Dez é o título do primeiro álbum a solo por Javier Marcos, gravado nun quinteto con Rosolino Marinello no saxo tenor e clarinete baixo, a guitarra de Felipe Villar, Jose Manuel Diaz no baixo e Max Gomez na batería. “Ten Dez” é unha recompilación de arranxos de estándares e outras cancións cantadas en inglés e galego.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario