Presentouse en Pontevedra este domingo o libro Repente Galego dentro da programación do Culturgal. O acto contou coa presencia dos autores, Ramon Pinheiro (director artístico d’aCentral Folque) e Sergio de la Ossa (professor d’aCentral Folque), do impulsor desta inciativa, Carlos Alonso da Oral de Galiza, e de Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, así coma os cantos improvisados de Alba María e Josinho da Teixeira.
Este libro é a primeira monografía adicada a este tema escrita na Galiza, un exhaustivo traballo sobre as implicacións, prácticas, reflexións e protagonistas da improvisación oral galegas en contexto con outras manifestacións noutros lugares que aínda se conservan e practican. Unha investagación de máis de cinco anos e un ensaio necesario para comprendermos un pouco máis do noso patrimonio inmaterial.
Adiantamos en exclusiva unhas breves liñas do prólogo realizado polo investigador basco Joxerra Garzia.
“Unha vez máis, fica patente que a auténtica modernidade se alcanza profundando na tradición e non imitando modelos foráneos. Cando se aposta en serio por afondar e actualizar a esencia das tradicións, o resultado é case sempre satisfactorio: por unha parte, os novos xéneros dótanse dunha raíz que os afasta do perigo de non ser senón unha moda pasaxeira; por outra parte, os xéneros tradicionais asegúranse unha supervivencia que non se reduce á condición de obxecto de museo.”
Pingback: Análise Musical: aulas presenciais e online – Folque