O Concello de Santiago, en colaboración coas editoras e librarías locais, organiza a primeira Semana do Libro de Compostela coa intención de amosar o potencial editorial e literario da nosa cidade. Durante a primeira semana de xuño, unha carpa instalada na Praza da Quintana acollerá as propostas dos axentes do sector que participan, xunto cunha axenda de actividades que pretende transcender o expositivo, xerando propostas que sirvan para impulsar as iniciativas e proxectos colectivos que alí se xesten.
Participarán un total de 36 expositores distribuídos en 32 postos, na súa maior parte editoras e librarías da cidade xunto con algunhas institucións. A SELIC ten como obxectivo aportar a maior diversidade posible aos espazos expositivos bibliográficos especializando os postos. A programación componse de presentacións de novidades editoriais, concertos, percorridos, obradoiros, grupos de traballo, recitais, clubs de lectura, etc. Unha selección de actividades de distintos intereses, tanto para profesionais do mundo do libro como para o público xeral, que encherán Compostela estes días dun ambiente aínda máis literario que o acostumado.
aCentral Folque estará presente como editora da cidade cun stand propio onde amosar os títulos publicados ademais de facer unhas accións especiais para a ocasión:
- Martes 6 xuño, 19:30h Presentación do libro “Amadeo Goyanes e as Zanfoneiras de Monforte“
- Mércores 7 xuño, 19:00h Presentación do libro “Florencio, o cego dos Vilares“
- Venres 9 xuño, 20:00h Espectáculo poético e musical “Entre Baleas” con Ariel Ninas, Estevo Creus e Eduardo Estévez.
- Sábado 10 xuño, 21:00h. Concerto EMPA. Mestres e alunado da Escola de Música Popular e Avanzada.
- Domingo 11 xuño, 20:00h Presentación do libro “Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó“