Co gallo da presentación do libro de “Manuel López López. Gaiteiro de Poso”, o trio Senhora Asem estará este sábado 4 de novembro participando no Magosto de Navia de Suarna na praza do Concello a partir das 19 h cun concerto especial.
O xenial músico de Poso, no concello de Navia e corazón dos Ancares en Lugo, acaba de ser protagonista dunha biografía feita dentro da colección Chave Mestra escrita por Carlos Rey con comentarios musicais e transcricións de Iván Costa e un disco coas gravacións documentais feitas por Sergio Cobos. Este libro é o ultimo en publicarse nesta colección editada desde aCentral Folque e o primeiro dunha serie de libros que verán a luz estas vindeiras últimas semanas de 2017.
Senhora Asem é un grupo que naceu como dúo de sanfona e gaita-de-fole (Ariel Ninas e Ramom Pinheiro) e agora conta coa incorporación a trio do contrabaixista cubano José Manuel Díaz. Fan repertorio de baile sobre melodías de tradición galega.