aCentral Folque continua a apresentar os seus proxectos audiovisuais en Pontevedra da man do Ateneo. Esta semana é a turma do DVD “Sons do Mercado”, un filme documental dirixido por Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas comisionado por aCentral Folque dentro do programa Efecto Proximidade para o concello de Santiago, encarga desenvolvida arredor dos mercado e feiras da cidade para pór en valor e dinamizar este espazo social e económico de encontro veciñal e venda. Na presentación que ten lugar na Casa das Campás a partir das 20 h e con entrada de balde, haberá unha presentación de Antón Sobral en nome do Ateneo de Pontevedra e unha parola cos autores, ademais de poder ver o documentario.
O DVD contén o documentario (29′) e a música orixinal de Alejandro Vargas así coma contidos extra como o Making of da banda sonora, entrevista a Rafael Camacho, patriarca da comunidade cigana, o trailer do filme e un video clip de Marcos Teira e os Flaencos do Milladoiro do concerto de nadal do 2015 en Salgueiriños.
Sons do Mercado é un ollar persoal ao mercado de Salgueiriños de Marcos Nine, novo director, guionista e procuctor galego con varias curtas documentais e longametraxes (Premio Mestre Mateo á mellor montaxe no 2014 por “A viaxe de Leslie”; á mellor obra experimental en 2007 por “Aaron” e á mellor curta documental no 2011 por “Manuscritos Pompeanos”). Ademais conta coa banda sonora orixinal de Alejandro Vargas.
Texto do director:
“O mercado é unha práctica tan ancestral como efémera. Os vendedores concéntranse nunha determinada zona da cidade e ás poucas horas desaparecen. E con eles un ecosistema sonoro que vai desde os golpes metálicos incesantes aos reclamos de venda.
“Sons do Mercado” é unha curtametraxe documental que ilustra o transcorrer dunha xornada no mercado de Salgueiriños en Santiago de Compostela. Detense na percepción sonora do espazo e na cadencia coa que as distintas actividades que teñen lugar can variando da tranquilidade á actividade intensa conforme pasan as horas”.
Marcos nine, 2016