Tesouro Espeleolóxico Galego

En Galiza hai dúas realidades superpostas: unha a flor de terra, outra no subsolo.

Este libro reúne unha inmensa variedade de fontes para ofrecernos unhas acreditadas memorias do subterráneo. Textos e imaxes esenciais que conforman unha enciclopedia das crenzas, mitos e saberes dun mundo subterráneo poboado por fascinantes personaxes; un modo alternativo de nos adentrar en episodios históricos e grandes lendas da cultura galega, desvelar o contido simbólico do inframundo e avanzar na comprensión dun extraordinario escenario xeolóxico e máxico que acolleu a primeira historia da humanidade.

Máis de 500 páxinas con textos e fotografías históricas, documentos sobre as covas, furnas, tuneis, minas,… que hai e houbo na Galiza administrativa, na próxima ou que galegas describiron doutros lugares.

 

Despois de máis de 30 anos de compilación documental sobre as covas, furnas, grutas, cavernas, espenucas, minas e demais cavidades de interese galego, o C.E. Maúxo ven de dar forma a unha novidosa e pormenorizada obra. Nela compílanse os escritos e as imaxes históricas da espeleoloxía galega editados antes do 12 de setembro de 1969, data na que se crea o denominado “Comité Regional Gallego de Espeleología” e comeza unha nova etapa que dará lugar a fundación da actual Federación Galega de Espeleoloxía, da que forma parte o Clube Maúxo desde 1992.

No libro Tesouro Espeleolóxico Galego catalóganse e contextualízanse 417 covas a través de máis de 1000 reseñas documentais identificadas en case medio milleiro de fontes hemerográficas e bibliográficas escritas en galego, castelán, portugués, latín ou inglés. Un privilexio real de Ordoño II, do ano 915, é a máis antiga referencia localizada.

Mapas históricos, láminas arqueolóxicas, topografías, iluminacións das Cantigas de Santa María, pregos de cordel, fotografías de autores como Manuel Caamaño, Joaquín Pintos ou Llanos, deseños, gravados ou lenzos de artistas como Jenaro Pérez Villaamil, Castelao, Eugenio Granell ou Urbano Lugrís integran as máis de 70 ilustracións orixinais contidas na obra.

Merece un particular destaque a extensa información que se nos ofrece das covas galegas que maior interese espertaron ao longo da historia a reis, clérigos, aventureiros, foraxidos, enxeñeiros de minas, historiadores, xeógrafos ou artistas.

O Tesouro Espeleolóxico Galego presenta relevante información de valor xeolóxico – cavidades cársticas, paracársticas (seixo, cuarcita) ou pseudocársticas (gneis, granitos)–, arqueolóxico, histórico, etnográfico –usos e costumes populares, toponimia, lendas, contos, económico e ambientalista –minas de ouro, ferro, volframio, agua– sen que falle a calidade literaria de textos de Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez, Alvaro Cunqueiro, Castroviejo, Pondal, Pardo Bazán, Anxel Fole ou Gil Carrasco, entre outros moitos.

Esta voluminosa obra está coordinada polos profesores-doutores e espeleólogos Xavier Groba e Eduardo Méndez-Quintas e conta coa colaboración especial da poeta e filóloga Alba Cid cun fermoso texto introductorio ao libro.

 

Comments are closed