Unha estrea para “Juana”

“JUANA” a obra multidisciplinar inspirada na vida da galega de ascendencia Juana de Ibarbourou (1892- 1979, Uruguai) que mestura en simbiose creativa e escénica a poesía, a danza e a música.

 A preestrea terá lugar este  venres 9 de xuño de 2017 no Salón de Actos do Concello de Lourenzá ás 20 h. A estrea mundial será o sábado 10 de xuño no Cine-Teatro de Ribadeo ás 21h.

Unha semente en movemento dende Galiza a Uruguai comeza a sua viaxe coa grande poeta uruguaia Juana de Ibarbourou ‘Juana de América’, no vínculo entre duas terras, é pretexto para unha creación escénica que integra diversas disciplinas artísticas: poesía, danza e música ao servizo do teatro. A escritora americana da nome á biblioteca de Lourenzá (Lugo) dende o ano 1962. Seu pai, nado nesta vila, emigra a Uruguai a mediados do S.XIX e sería na cidade de Melo onde nace a artista a finais do mesmo século, sendo Montevideo a súa cidade de residencia a partires dos 18 anos e ata a súa morte. Serán os organismos da época, os que faciliten que conservemos unha grabación inédita da poeta coa súa voz e facéndose eco do instante do seu nomeamento. Este audio que envía a propia poeta ás autoridades daquela é coma unha ‘faba‛, a semente inspiradora desta obra ‘JUANA’, onde as fabas cos poemas de tres mulleres de diferentes séculos imbrícanse na música e na danza. Textos de Juana de Ibarbourou (1892- 1979, Uruguai), Rosalía de Castro (1837-1885, Galiza) e Marina Oural Villapol (Lourenzá, Galiza 1968) son titores para unha obra escénica multidisplinar: corpo, voz e música serven o texto e viceversa. Na escena tamén mulleres artistas de diferentes xeracións, partillando creación multidisciplinar con homes, e afondando na aprendizaxe desde a arte escénica como útil universal e necesario de relacionamento e comunicación.

A música de JUANA, composta e improvisada, aliméntase de tradicións múltiples: o folklore galego, a música popular latinoamericana, os ritmos africanos que empapan todo o que nos fai bailar, o free jazz, a improvisación libre. A música de aquí que viaxou a outros lugares e a música que nos chegou desde o outro lado do océano, todo o que escoitamos desde pícaras, entrelazados co espíritu actual e enérxico do free jazz e a improvisación libre, sentidos e vividos. Noso discurso musical funciona dentro dun contexto escénico, poético-sonoro, que ten a escoita e a improvisación como base para a interacción cos poemas de Juana de Ibarbourou e Marina Oural, asi como coa danza e o movemento de Irene Álvarez Coto. Hai batería, contrabaixo, saxo soprano e percusión miúda: un kechapi (instrumento de corda de Indonesia), unha ocarina, campaniñas, dúas kalimbas e un tubo harmónico. A danza e o movemento en Juana execútase baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño Arena, construimos a textura visual de Juana en forma de danza, desde a improvisación a través do sentir no corpo a melodía, sonoridade e contido do texto, música e voz, debuxando así unha plasticidade natural para cada escena. Aparecen movementos basados en técnicas de Danza Contemporánea, Contact Improvisación, Danza Teatro, Yoga, Danza Butoh e bailes a dúo desde os tempos das festas e salóns de baile vividos na zona da Mariña desde a crianza ata a adolescencia. Diversos elementos escénicos marcan a pauta en moitas ocasións, así vanse xerando estructuras máis ou menos coreográfiadas-fixadas. Sempre queda lugar para la improvisación instantánea na escoita entre todos os integrantes da obra, para deixar lugar constante á frescura do descoñecido.

EQUIPA



Marina Oural, (Galiza). poeta-rapsoda, produtora galega e practicante de DanzaCI, escrebe e dirixe esta obra na forza primeiriza. Irene Álvarez (Asturias-Cádiz) bailarina-coreógrafa e directora do Asturias Contact Festival, mergúllase na Danza facendo arte do vento. Chefa Alonso (Galiza- Madrid) música, mestra e compositora galega asume a dirección musical experimentada e rigorosa da Improvisación Libre. Ramón Peña (Galiza) músico galego do Ortegal trae na batería o ritmo herdado da escena aberta en A Escondida Café-Concerto. Jorge Frías (Madrid) chega co seu contrabaixo de Madrid, para dar e recibir o virtuoso da terra con notas e cores sublimes. Mónica Cofiño (Asturias) espeta firme a dirección escénica e, co paraugas do mundo LaXataLaRifa, dá a súa mestría e brío co ímpetu dos prados. Xavier Rodríguez Baixeras (Galiza), enxerta a revisión dos textos desta obra coa mestría da sabia de poeta e traductor de sempre. Alberto Casas (Galiza), programa e executa a iluminación desde o azul de Sargadelos.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario