Este mércores 8 de marzo o trio Ulobit presentará o seu traballo discográfico Vikingland2016 no contexto do Portugués Perto, programa de actividades que a Vicerreitoría do campus universitario de Ourense organiza no mes de marzo. A xornada constará dunha parola cos membros de Ulobit explicando o proxecto de experimentación e vangarda arredor das imaxes gravadas polo mariñeiro O Haia no mar do Norte nos anos 90. E o visionado dos vídeos que conforman este Vikingland2106 producido en parceiría con aCentral Folque.
Portugués Perto
No campus de Ourense, a comunidade universitaria ten unha cita anual coa reivindicación da riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Trátase da celebración de Portugués Perto, unha iniciativa da Vicerreitoría do campus que este ano celebra do 6 ao 10 de marzo a súa sétima edición consolidada xa no calendario cultural universitario. Seguindo o formato de anos anteriores, a programación mesturará actividades vinculadas coa lingua, a música, os contos, o baile e a festa, contando entre os participantes co actor e narrador Quico Cadaval e a banda portuguesa Parapente 700.
A lingua como vantaxe competitiva
A programación, toda ela aberta á asistencia das persoas interesadas e gratuíta, arrancará o día 6 de marzo coa celebración dunha nova edición na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Obradoiro OPS! O galego como oportunidade competitiva e privilexiada. Nesta ocasión a persoa encargada de impartilo será Tamara Varela, da Asociaçom Galega da Língua Agal. Seguindo o modelo dos obradoiros celebrados os tres últimos anos, a sesión terá un carácter principalmente práctico co obxectivo de que os asistentes sexan conscientes das portas que lles abre o galego no mundo, non só desde un punto de vista de enriquecemento cultural senón de desenvolvemento profesional.
As artes como nexo de unión
As actividades lúdicas comezarán o día seguinte, o 7 de marzo, cando Quico Cadaval volva a actuar no campus de Ourense. O actor e narrador galego subirá ao escenario con Celso Sanmartín para deleitar ao público asistente cunha sesión de contos, entretemento e humor. A actuación, que terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro, será de balde e aberta a todas as persoas interesadas. Na mesma sala pero o día 8 de marzo realizarase a proxección de Vikingland 2016, unha peza de arte visual e sonoro realizada polo trío experimental Ulobit, formado por Horacio González, Xoán-Xil López e Ariel Ninas, sobre material de Vikingland, un filme de Xurxo Chirro con imaxes caseiras dun mariñeiro galego no Mar do Norte nos anos 90.
O día 10 de marzo, Portugés Perto pechará a súa actividade cunha sesión que comezará cun Obradoiro de baile a cargo de Eva Parmenter e Denys Stetsenko, da banda portuguesa Parapente 700, e rematará coa celebración dunha nova edición de Venrespirar. Trátase esta última dunha festa tradicional itinerante por prazas da cidade de Ourense organizada polas asociacións Gomes Mouro e Algaravía. En cada sesión de Venrespirar convídase a todas as persoas interesadas a improvisar músicas, bailes e conversas dun xeito lúdico e ameno. A esta sesión no campus, que terá lugar entre os edificios de Ferro e Politécnico ou na Sala Emilia Pardo Bazán, segundo as condicións climáticas, unirase Parapente 700.