Xan de Campañó na eTrad

PresentacionCampanho_eTRAD_webEste mércores 30 de marzo un novo número da colección Chave Mestra será presentada na eTRAD, Escola de Música Tradicional de Vigo, no magnífico edificio da Escola de Artes e Oficios da cidade. Desta volta o último número de Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó. Unha obra de Óscar Ibáñez e Xavier Groba sobre un dos grandes gaiteiros de Pontevedra. No acto intervirán o propio Oscar Ibáñez e Ramón Pinheiro, editor do libro e director artístico d’aCentral Folque.

Tamén no mesmo acto haberá un breve concerto de ÓScar Ibáñez coa gaita de Manuel Villanueva que pertenceu ao gaiteiro de CAmpañó e a súa estirpe, últimos tocadores en pechado de Pontevedra. EStará acompañado por Andrés Vilán ao redobrante.

O acto é de balde no Auditorio da Escola.

O LIBRO

Formato: Libro-disco.
Capa dura, 138 x 196 mm, ca. 160 páxinas, 1 CD
aCentral Folque, 2015.
PVP: 20€

Filgueira Valverde era moi consciente do valor etnomusicolóxico dos fondos do Museo de Pontevedra.  Para o momento do lanzamento do Cancioneiro Musical de Galicia, compilado por Casto Sampedro en 1942 só ficaba en activo o Gaiteiro de Campañó, unha figura emblemática en Pontevedra por ser o gaiteiro das Marchas de Procesión do Corpus, sobre a que escribiu de forma erudita Filgueira.

Aproveitando os novos medios técnicos disponíbeis na cidade para a gravación sonora, grazas aos estudios de Radio Pontevedra, Filgueira decide levar adiante unha gravación documental insólita e de grande valor etnomusicolóxico e cultural: a Marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó no seu contexto e comentada ao vivo por el mesmo. Faino en 1947, rexistrando por primeira vez unha alocución propia nun rexistro sonoro. Dous anos depois morría o Gaiteiro de Campañó.

No ano 1999 Ramon Pinheiro, actual director de aCentral Folque, realiza un inventario dos rexistros fonográficos do Museo de Pontevedra, e promove a dixitalización do acetato de Filgueira e o Gaiteiro de Campañó, seriamente deterioriado polo paso do tempo. Ao Museo transládase a unidade móbil da Radio Galega e o enxeñeiro de son Pablo Barreiro realiza a primeira dixitalización desta xoia do patrimonio sonoro de Galiza. En total falamos de dúas alocucións de Filgueira Valverde e catro temas interpretados polo Gaiteiro de Campañó.

aCentral Folque encargoulle a investigación e texto para a publicación ao músico e investigador Óscar Ibáñez cun estudo biográfico sobre Xoán Tilve e ao musicólogo Xavier Groba que realiza unha interesante análise sobre o contexto, fondos e o legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra e de Filgueira Valverde.

A análise musical e edición de partituras que acompañan o libro son a cargo de Óscar Ibáñez.

O disco, que se publicaría conxuntamente co libro, incluiría a dixitalización íntegra das gravacións históricas, no que sería a súa primeira edición, e se gravaría especialmente para esta publicación novos temas dunha selección de repertorio histórico do Gaiteiro de Campañó, tocado co seu instrumento orixinal, por Óscar Ibáñez, acompañado por Cristian Silva no bombo e Andrés Vilán coma redobrante que gravaron con Pablo Barreiro nos estudos da Radio Galega no verán de 2015 este magnífico disco que agora vé a luz.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario