XV Encontros de Música de Carboeiro

carboeiro14Xa son 15 anos desta cita ineludível no calendario para comezos da axenda estival de festivais ao redor da música popular. O vindeiro 7 de xuño arredor do paraxe incomparável do mosteiro de Carboeiro, á beira do rio Deza no concello de Silleda. Música, foliadas simultáneas, mostra de artesanía, concertos, contos, procesión, exposición, xogos infantís e xantar popular. A Asociación Intercultural Santa Ferreña organiza un ano máis estes Encontros de Música Tradicional.

Non hai artistas convidados, senón que calquera que vaia pode tocar, botar unhas coplas ou sacar uns puntos. “Todo isto sae de xente que achega o seu traballo, o seu compromiso coa cultura tradicional”, din dende a asociación Santa Ferreña. Artesás, bailadores, músicos, teatreiras, ou simplemente xente que se achegue a gozar da festa e participar son os auténticos protagonistas.

Este ano, o programa comeza, como de costume, cunha sesión vermú amenizada por músicos da bisbarra, convocando así un punto de encontro para todos eles, e non han faltar bailadores e bailadoras de Toutón, Zobra, Tordoia, Muíño de Zas… Será entón cando saia en procesión a Santa Ferreña, unha santa pagá co sorriso na cara, paniño na cabeza, e pandeireta na man, acompañada polos cabezudos de Viravolta e os papamoscas de Santiso, seguindo o costume das procesións do Corpus de Santiso e Laro. Pero antes hai que poxar as andas…

E despois dela, dará comezo o xantar popular, con empanada, carne ao caldeiro e larpeira, ademais de pan, viño ou auga e café “con gotas”, todo por 13 euros.

Xa pola mañá abrirá ao público a exposición “A procesión vai por dentro”, este ano dedicada ás manifestacións folclóricas arredor das procesións, e que conta outro ano coa “compañía” dos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere de Lalín. A exposición foi realizada grazas á colaboración desinteresada de asociacións de múltiples puntos de Galicia que se ofreceron a achegaren o seu material e información.

Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería…), e, xa pola tarde, para facer a dixestión despois do xantar popular, á parte de botar unhas bailas, haberá xogos tradicionais para cativos e non tan cativos, con Xandobela e Itaca.

Celso F. Sanmartín, “Celsiño”, contador lalinense que leva ben anos investigando na tradición oral, achega os seus contos, “A procesión vai por dentro e o contar por fóra”, como leva facendo desde o comezo dos Encontros. O seu repertorio está composto por “contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo”. Ademais, Fantoches Baj achegarán tamén o seu novo espectáculo itinerante de narración oral, en que se emprega a técnica do Kamishibai (coma no anterior As pombas de Carboeiro), para axudar a vender o panfleto do escritor oleirense Manuel Pardo de Andrade titulado “Os rogos d’un gallego establecido en Londres”, dedicados aos seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias e o demáis que verá o curioso lector.

E xa ao que se vaia facendo da noite, comezará a foliada, que durará… Ata que o corpo aguante. Desde a Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro queren destacar que esta festa é posible grazas a que unha chea de persoas poñen o seu traballo desinteresadamente, sexa botando contos, preparando a información, na barra, servindo as mesas, organizando a exposición, tocando, desde o posto dos tiquets, ou coordinando o tráfico, un traballo laborioso para o que agradecen a colaboración e comprensión de todos e todas. Tamén sinalan que, para sufragar os gastos, cóntase coa propia cantina da festa e cunha pequena axuda do Concello, así que convidan a quen queira manter viva esta festa a colaborar.


PROGRAMA

MAÑÁ

13h. SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

· Poxa das andas e PROCESIÓN DA SANTA FERREÑA(acompañada polos cabezudos de VIRAVOLTA e os papamoscasde SANTISO)

– APERTURA DA EXPOSICIÓN: ‘A PROCESIÓN VAI POR DENTRO’ adicada ás manifestacións folclóricas arredor das procesións en Galicia, acompañada polos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere (Lalín)

– FEIRA DE ARTESANÍA: instrumentos tradicionais, coiro, abalorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería…

– XANTAR POPULAR (empanada, carne ao caldeiro, larpeira, pan, viño/auga, café e ghotas -13€)


 

TARDE:

· XOGOS TRADICIONAIS PARA CATIVOS/AS E MAIORES con Xandobela e Itaca de Compostela.

· ‘A PROCESIÓN VAI POR DENTRO E O CONTAR POR FÓRA’ contacontos de Celsiño F. Sanmartín de Lalín.

·MÁSCARA FÓRA! de Fantoches Baj

·’RECUNCHO DO TOCAR’ no patio do mosteiro.


 

NOITE:

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!

ACAMPADA Á BEIRA DO RÍO DEZA

santaferrenha@gmail.com // 658 628 239

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario