XVII Zona da Zanfona. Rianxo 2021

Nos vindeiros 3, 4 e 9, 10, 11 de xullo de 2021 aCentral Folque organiza a Zona da Zanfona, Encontro Internacional. XVII edición de Rianxo. Un evento único na Península Ibérica organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo que cumpre dezasete anos neste 2021 e onde teñen pasado os nomes máis internacionais da escena europea nas últimas dúas décadas. Zona da Zanfona é o festival da manivela musical. Esta edición terá unha programación especial para cumplir cos protocolos da situación sanitaria actual con actividades para o público local e para o especializado de outros lugares que se acheguen até a Ría de Arousa. Músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atoparán gozo e deleite na escoita deste fabuloso instrumento. O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e gozar de concertos, cursos e convivio arredor da zanfona.

A programación deste ano pivota en tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e actividades online (en inglés para audiencias non presenciais).

Os concertos atenden a un criterio de especialización (o multiinstrumentista Héctor Braga e as músicas asturianas), popular (o repertorio instrumental da dupla galega Xemelgas  e o concerto ambulante no mercado semanal de Rianxo) e as novas expresións (o proxecto portugués Alacrã co histórico músico dos Gaiteiros de Lisboa Carlos Guerreiro e Julieta Silva; ou Suán, o novo proxecto comunitario da Asociación Cultural Trepia). Esta edición non contará co “Palco Aberto”, unha mostra das escolas de zanfona do país que amosaban diferentes músicas o que aprenden ao longo do curso. Os concertos son de entrada libre e este ano deben ser con reserva do billete previa ao concerto que ademais terá o aforo limitado e distancia física entre público dictaminada polos protocolos de seguridade sanitaria.

Os cursos de interpretación serán con prazas limitadas. O de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio, empréstase un desde a organización) e de especialización con Héctor Braga.

Este ano ademais repetimos unha actividade apaixoante neste ámbito. Será o curso de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal e o músico Ariel Ninas. A partir da filosofía DIY, dos novos xeitos de produción (corte láser e fabricación aditiva) e a partir  dos planos disponibilizados en aberto por Jaap e Fay Brand,  a equipa de Suso Gestal e Ariel Ninas, desenvolveu un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva para casa unha zanfona funcional e a aprendizaxe de tela feito.

Logo do suceso dos cursos ZdZ Spring masterclass , continúa o programa da ZdZ dixital: actividades de divulgación especializada para unha audiencia internacional emitidas por Internet. Será unha aula maxistral con Germán Díaz, zanfonista vallisoletano afincado desde hai 20 anos na Galiza.

O ZdZ continua tamén coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa cuarta entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas aportacións dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Podes descargar os tres primeiros destes cancioneiros aquí.

Os prazos para a inscrición nos cursos ZdZ deste ano, abrirán o día 22 de xuño.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

ZONA DA ZANFONA. RIANXO xullo 2021. Programa

Concertos ZdZ

Venres 9 xullo. Exterior CEIP Castelao. 22.30h

  • Héctor Braga. Só (Asturies)
  • Alacrã. Carlos Guerreiro, Julieta Silva (Portugal)

Sábado 10 xullo. Exterior CEIP Castelao. 22.30h

  • Xemelgas. Manu Fraguela e Óscar Fernández (Terra de Trasancos)
  • Suán. A.C. Trepia (Pontevedra)

Domingo 11 xullo. Praza de Castelao e Paseo da Ribeira. 12h

  • Concerto Ambulante. Músicas na feira.

Cursos ZdZ

  • Iniciación. Óscar Fernández. Venres 9. 16-20h (emprestamos instrumento!)
  • Avanzado. Héctor Braga. Sábado 10. 10-19h
  • Construción. Suso Gestal e Ariel Ninas. Sábado 3 e domingo 4 de xullo. 10-20h

Lugar: Auditorio de Rianxo

ZdZ dixital

Masterclass con Germán Díaz. Curso online (en inglés). Domingo 11 xullo. 18-20h (UTC+2).

Información extendida e inscricións nos cursos:

Info para os concertos:

Inscrición e información xeral:

  • O aforo será limitado e as medidas sanitarias e de distancia física para persoas segundo as normas estabelecidas
  • A reserva das entradas será a partir do 30 de xuño en concelloderianxo.gal/reservas (preferente)
  • Teléfono alternativo: 981 100 688

 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Programación ZdZ en detalle:

Data/hora Evento
03/07/2021
20:00
Curso ZdZ'21: construción
Auditorio de Rianxo, Rianxo
09/07/2021
16:00
Curso ZdZ'21: iniciación
Auditorio de Rianxo, Rianxo
09/07/2021
22:30
Concerto ZdZ'21: venres
Exterior CEIP Castelao, Rianxo
10/07/2021
10:00
Curso ZdZ'21: avanzado
Auditorio de Rianxo, Rianxo
10/07/2021
22:30
Concerto ZdZ'21: sábado
Exterior CEIP Castelao, Rianxo
11/07/2021
18:00
ZdZ'21 dixital

Actividade promovida por:

Apoio de:

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario