Lugar: Berrobambán. Compostela
Nivel: -
Prezo: 60 €
"Repertorio, recursos e didáctica do baile galego". Curso práctico formado por xogos, danzas, bailes soltos e agarrados. Orientado a docentes e interesados no baile. Impartido por Xabier Iglesias e Juan Parga quenes acaban de publicar o libro didáctico "Así fan os bailadores"
O obxectivo deste curso é dotar de repertorio, recursos e material didáctico a monitores e mestres que queiran introducir os seus alumnos no baile tradicional galego, ademais de servir de iniciación a calquera persoa interesada neste eido.
Traballaremos con material extraído do noso folclore, formado por xogos, danzas, bailes soltos e agarrados, para así ter unha visión global do baile galego; remarcaremos o importante rol que xoga o baile en aspectos como a socialización, a motricidade e coordinación, a interiorización do ritmo e a música, sendo unha arte de práctica recomendada en distintos ámbitos educativos.
A orde que seguiremos será a habitual para unha clase de iniciación:
- BAILES-XOGO (cos que quecemos e traballamos aspectos motrices e figuras básicas)
- DANZAS (coas que aprendemos movementos e pasos simples)
- BAILES SOLTOS (nos que se traballarán primeiro os pasos base e logo as combinacións deles, dándolle especial importancia ao "baile de creación" : a invención e improvisación de puntos por parte dos propios bailadores, fronte á reprodución de "bailes feitos")
- BAILES AGARRADOS (cos que rematamos a sesión, xa que pola súa sinxeleza alivian o esforzo que requiren os bailes soltos).